César Aira estrea en galego a súa novela «Festival»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

GALICIA

Trifolium publica a homenaxe do escritor arxentino ao seu avó ourensán

15 abr 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Trifolium volve a facelo. Primeiro foi Antonio Gamoneda que quixo publicar primeiro en galego, e nesta editorial, a súa Estética e temporalización do Camiño Xacobeo. Agora é César Aira (Coronel Pringles, Arxentina, 1949) o que publica na serie Litterae de Trifolium e, tamén en galego antes que en ningunha outra lingua, a súa nova novela titulada Festival.

Xan Arias explica que Aira é neto dun galego natural do lugar de Sobradelo, no concello ourensán de Xunqueira de Ambía, e «quería facerlle unha homenaxe ao seu avó». Para iso, falou co seu axente literario para Europa, «que é un alemán», e este, despois de preguntar en Galicia, atopou a editorial Trifolium e a Juan Tallón; este escritor ourensano é autor de A pregunta perfecta (El caso Aira-Bolaño) (Sotelo Blanco). Nesta obra, finalista do Lueiro Rei no 2010, novela a súa obsesión polos dous escritores que non chegaron a encontrarse, aínda que estiveron a piques de facelo tres veces.

Cando recibiu a proposta de publicar a novela de Aira, Xan Arias amosouse encantado e encargoulle a Tallón que fixera a tradución ao galego dunha obra na que o autor, apunta Arias, «proponnos un artefacto no que a patada inicial é só arranque dun relato no que as digresións do autor, cargadas de fondura ensaística e ironía, novamente abren inesperados camiños que reorganizan o material narrativo sobre a marcha».

Un exemplo desa ironía: «O público, se ben non numeroso, era entusiasta. A cidade enteira respondía ao ritmo do Festival, e se nalgunhas funcións había apenas dous espectadores, podíanse tomar como os dous representantes, a esquerda e a dereita, do espírito intelectual da época». A novela arrinca cando os organizadores do Festival de Cine Independente agardan polo director de cine Alec Steryx que, cando chega, faino acompañado da súa nai nonaxenaria. Para Xan Arias, como un personaxe caracteristicamente aireano, «esta vella dominante e caprichosa axiña vate co mundo cool que reina no cinema independente, o que provoca unha explosión de contrariedades e absurdos, sinais de identidade da literatura de César Aira».