Salustiano Mato: «Teño un problema: son optimista»

Defende un ensino superior que non estea financiado a costa das familias


Se van unha fin de semana a un bar de Artes, en Ribeira, e ven servindo cafés a un tipo que se lle parece, non é tal: é el mesmo, Salustiano Mato de la Iglesia (Santiago, 1960), reitor da Universidade de Vigo, botando unha man no local da súa cuñada. Tano Mato é un tipo de a pé, zoólogo, experto en miñocas, deportista, un home que ten claro o modelo universitario que se precisa e que mantén vivo o espírito do corredor de fondo. Todo iso sen perder o contacto coa xente, co mundo.

-Despois de dous anos no posto, ¿que balance fai?

-Estou satisfeito no sentido de que o programa co que me presentei está cumprido a un 85 por cento. Incluso fixemos máis cousas das que ían no programa. As que non se cumpriron están pendentes de normativas estatais ou da situación económica.

-¿Resiste mellor a Universidade de Vigo que as de Santiago ou A Coruña?

-É un modelo distinto e si resiste mellor. Temos claro que temos que ser sostibles economicamente. Sempre tivemos interiorizado que hai que ter un teito de gasto, non é preciso que nos obriguen por lei nin que nos convenzan para firmar un plano de sustentabilidade económica. Por iso nunca fixemos alardes excesivos.

-¿En números?

-A media das universidades europeas teñen un grao de dependencia do financiamento público do 73 %. Nós estamos no 66. E a maior parte das españolas no noventa e incluso por riba do cen por cen, se teñen débeda. Buscamos financiamento constantemente, pero non a costa das familias. Se somos un servizo público non podemos facer negocio coa formación.

-¿A relación entre as tres universidades é mellorable, como di o reitor da da Coruña?

-É unha cuestión de modelo de universidade, non de relación mellorable. O noso proxecto pasa por unha alianza completa do sistema universitario galego. Reunificar a universidade galega non ten sentido, isto non é comparable aos aeroportos. No noso plan é fundamental que Santiago e A Coruña sexan as mellores universidades posibles. Na medida na que os nosos veciños sexan máis competitivos, nós seremos máis capaces de acadar os nosos obxectivos.

-¿Compensa ter graos repetidos?

-Non é ningunha barbaridade nin é ineficiente, como se di, ter tres facultades de Dereito, porque hai demanda nas tres. Poderíanme acusar de ineficaz se tivese débeda, pero nin teño débeda nin déficit. Logo ¿por que vou ser ineficiente? Temos que conxugar a demanda social a nivel da oferta educativa cunha especialización dos campus que nos faga complementarios uns aos outros. E faremos un sistema universitario galego moito máis forte. Na medida en que poidamos avanzar, avanzaremos, pero nós non imos parar a agardar por ninguén. Agora, canto antes se concilien os modelos de universidade, mellor.

-¿Perdeu amigos neste tempo no reitorado?

-Non. Sigo coa mesma vida que levaba antes.

-Dixo de vostede un dos seus antecesores, Domingo Docampo, que mantén o espírito do corredor de fondo...

-Eu teño un problema: que son optimista. Pero sendo optimista, tento ver as cousas de maneira posibilista, no sentido de non deixarnos vencer polo desalento: ante un problema, trato de ver como resolvelo. E se non se pode, como podemos aproveitarnos desa situación e amortecer o golpe.

nacho.miras@lavoz.es

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos

Salustiano Mato: «Teño un problema: son optimista»