Sen cobertura na marisquería

GALICIA

30 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Osistema de telefonía móbil baséase en cubrir o territorio con células de radiocomunicación que se solapan. No centro de cada unha delas hai unha estación que dialoga cos teléfonos. Cando estes se afastan dunha estación e se achegan a outra, o sistema transfire a relación do usuario entre elas.

Galicia está chea de «baleiros de sinal» porque ten unha orografía moi complicada e os sinais de radiofrecuencia que se usan para a telefonía celular son «visuais» (alcanzan a onde chega a vista desde a estación da célula). En moitos lugares non hai solapamento de cobertura, polo que as chamadas non poden ser transferidas de estación en estación. Á parte, as estacións só poden atender ao tempo un número limitado de teléfonos. As compañías explotadoras de licenzas de telefonía móbil non teñen obriga de cobertura total, malia que a demanda converteu o servizo en universal.

Daquela meden moito as relacións entre cobertura, potencial de consumo e custo. De aí que unha avenida de cidade con tráfico conxestionable na capital de España sexa a zona que mellor cubran. Unha autoestrada na Marisquería do Noroeste non lles rende. ¿Como resolver o problema? Repatriando os galegos de Madrid cos seus negocios.