Serafín Pardiñas: «Dixeron: 'Imos coller a un que non ten familia' e tocoume»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

GALICIA

miguel souto

Nega ser o autor do incendio e rexeita falar da súa autoinculpación inicial

12 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Serafín Pardiñas (58 años) vive no fondo da aldea de Bugarín (Cerdedo), nunha casiña de pedra deixada ir cara á infravivenda. É un pobre home. Ou un grande incomprendido, segundo se mire. Só aspira a vivir a vida ao seu ritmo. Sen horarios impostos e sen convencionalismos de galería. Buscando a súa casa demos coa dun veciño. Crava a descrición: «Le cuesta adaptarse a la sociedad. Es un hombre libre, de los pocos que quedan». Xa pasa do mediodía, pero Serafín aínda dorme. Ten a cortesía de erguerse, aínda que xa esté farto de preguntas sobre o sucedido.

-Non lle gusta madrugar...

-Xa me fixeron madrugar estos días. Tiven que levantarme á sete da mañá e coller un taxi ata Cerdedo para poder coller alí o coche das nove menos cuarto para Pontevedra para ir ó xuízo. Total para nada. Eu non falei nada.

-De algo lle valeu. Agora quedou absolto.

-Esto tiña que rebentar por algún lado e xa rebentou.

-¿Por que tiña que rebentar?

-Eu non fixen nada. Eu estaba na cama e ás seis da tarde estaba en Quireza. Aquí todos saben que eu para a esquerda non tiro, eu tiro para a dereita. O incendio foi cara a esquerda e eu sempre vou andando cara a dereita, cara a Quireza, a xogar a partida...

-¿Como se viu no medio disto? Seica vostede mesmo se autoinculpou.

-Dixeron: «Imos coller a un que non ten familia», e tocoume a min. Eu non teño padriño nin o busquei nunca.

-O alcalde de Cerdedo rompeu unha lanza por vostede.

-Tiña medo de que me joderan.

-¿Como foi ese ano que botou no cárcere?

-Non o pasei mal. Os primeiros días non me gustaba non poder saír de alí, pero cando levaba unha semana xa me daba igual. Cos funcionarios sempre me levei ben. Sempre me portei ben. A outros cacheábanlle as celdas, pero a min nunca ma cachearon.

-Non tería moito que agochar.

-Moitos tiñan droga. Eu só tabaco, pero non había problema para fumar. Pódese fumar no patio e na hora da siesta, abrindo a ventá. Non sendo no comedor...

-¿Fixo amigos na cadea?

-Si. Xogabamos ás cartas ou ó balón, ou sentabámonos a fumar...

-Con tanta filosofía que lle bota, a ver se o van mandar de volta...

-Non creo que me mandaran xa... Xa estou cansado.

-¿Que tal foi a volta á casa?

-Ábrolle ás ovellas do veciño para que vaian comer por aí, vou dar unha volta por aquí pola aldea, vou tomar algo ou botar a partida, fago a comida...

-¿Non traballa?

-Xa traballei de todo. Non tiña 20 anos cando marchei da casa. Meu pai e miña nai pelexaban seguido. Marchei andando para Asturias cun primo. Traballei na construción e, na madeira, fastidiei unha perna cunha carroceta. Fun pastor en Asturias e Estremadura e despois volvín. Non tiña morriña, pero souben de que morrera meu pai... Estaba nun asilo. Despois traballei de xornaleiro por aquí: na herba, no esterco... Hai tres ou catro anos que non traballo. Teño unha pensión.