«Cumprirei a lexislatura, pero se pode seguir no BNG noutro sitio»

Carlos Punzón
carlos punzón REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Anticipa un cambio na súa vida política á vez que pide ao Bloque que reflexione «ou moita xente marchará para a casa»

13 mar 2012 . Actualizado a las 10:56 h.

Onte foi o seu primeiro día á marxe das siglas que liderou desde o 2009. «Estou triste, aínda que aconteceu o agardado», reflexiona Carlos Aymerich, que máis que a marcha de Máis Galiza do BNG, teme que o nacionalismo comece a desactivarse.

-¿Sente o baleiro?

-Á marxe da dedicación que eu puxera en Máis Galiza, era un proxecto chamado a medrar no BNG. Pero quedaremos moitos compañeiros no Bloque para tratar de construír un proxecto nacionalista aberto á sociedade.

-¿Hai tanta diferenza entre os que quedan e os que marchan?

-Os que quedamos mantemos a liña de sempre de Máis Galiza, que naceu co nome de Máis BNG por algo. Queríamos un Bloque unitario, sen partes e con vocación maioritaria. Sigo na mesma idea e lamento que outros teñan renunciado a iso. Respecto pero non o comparto, e menos a meses das eleccións autonómicas nas que nos imos xogar se queremos catro anos máis de PP e axustes ou construír unha alternativa.

-¿Cre que a sociedade galega entende o que está a pasar no nacionalismo?

-Creo que non. Ve que o Bloque se divide, desángrase e xera novos problemas en lugar de ocuparse da sociedade.

-A parte de +G que queda no BNG tampouco se sinte a gusto.

-A asemblea do BNG foi unha oportunidade perdida para a unión, pero deberá haber unha segunda para pechar feridas e proxectarnos todos xuntos cara as autonómicas. Quedo no BNG por coherencia, pero ou as cousas cambian ou quen terá que tirar do carro é a maioría que saíu da asemblea. Non imos poñer problemas, pero ou se dan pasos reais cara á integración de todo o BNG ou non será fácil.

-¿É que hai riscos de máis escisións?

-Non, o que vexo e que hai risco de que a xente se vaia para a casa. Na asemblea da fin de semana xa faltaba máis da metade da militancia. Quizais por iso no BNG hai xente que comeza a recoñecer que ten que haber cambios.

-¿E vostede, cambiará a súa implicación no BNG?

-Eu non sei xogar os partidos sen meter a perna. Sen deixar a militancia, ese compromiso pode facerse efectivo de moitas maneiras. Seguirei no BNG, seguirei sendo nacionalista, de esquerdas e comprometido, pero hai moitos xeitos de facelo, e non ten por que ser sempre no mesmo sitio.

-¿Soa a despedida do Parlamento?

-Xa falaremos. Pero xa iniciei un camiño de retorno a meu traballo e é no que estou metido. Cumprirei o compromiso desta lexislatura, pero se pode seguir a militar no BNG noutro sitio, non ten por que facerse desde as institucións.