«Primeiro somos do BNG e é un erro votar marchar ou quedar»

Carlos Punzón
c. punzón REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Pese a defender a unidade, aboga por crear un partido novo dentro do Bloque

09 mar 2012 . Actualizado a las 20:00 h.

Como rexedor de Monforte, reclama máis autonomía no BNG para os alcaldes. Como integrante de Máis Galiza, un proxecto novo dentro do Bloque. E sobre todo centrarse na sociedade, e se alguén está a disgusto na fronte, acepta que poidan marchar.

-¿O BNG segue a ser a mellor opción para o nacionalismo?

-Evidentemente. Hai diferenzas, e hai que traballar para facer modificacións e correccións, pero con outros camiños o que se fai é desandar o xa percorrido.

-Pero ata partidarios de que Máis Galiza siga no Bloque admiten non sentirse cómodos.

-Acabamos de saír dunha asemblea donde ninguén pode pór en cuestión o xeito democrático de resolvela. Eu formei parte dun grupo que manifestou que non se ía marchar, aínda que perdese. O contrario non é correcto.

-¿É pouco leal marchar, entón?

-Non é cuestión de lealdade, é cuestión de que nos presentamos cun plantexamento e foi derrotado. Pero respecto aos compañeiros que van marchar.

-¿Se non fose alcalde marcharía?

-Iso non inflúe para nada. O importante é o proxecto para o país. Ser alcalde non me ata, aínda que teña outras responsabilidades. Moitos militantes de base de Máis Galiza non se van ir.

-¿Se a maioría de Máis Galiza decide marchar o domingo, vostede e o resto da corrente en concepto de que quedarían?

-Primeiro son do Bloque, e despois dunha corrente dentro do BNG. É un erro plantexar nunha asemblea marchar ou quedar, porque estou convencido de que os que queren marchar o farán, e os que queremos quedar o imos facer. Vaise tomar unha decisión pero cada un fará o que crea convinte, por iso é un erro.

-Antes de decidir iso, a corrente se converterá en partido e lexitima máis a decisión da maioría.

-A orde da asemblea é esa, pero antes, despois e no medio é un erro que se vote iso. Primeiro somos do BNG.

-¿Se rompe Máis Galiza, segue a ter sentido, fóra ou dentro do BNG?

-Chegados aí, habería que disolver Máis Galicia e crear un partido dentro do Bloque cun proxecto político desde o galeguismo e o nacionalismo, e crear as condicións dunha nova cultura política, porque o BNG ten que mellorar. Non debemos debilitar ao Bloque, porque iso fortalece ao PP, pero debemos reorientar o rumbo a un proxecto que dea confianza e se centre nos problemas da xente.

-¿Non o fai agora?

-O BNG pensa que hai que emancipar aos galegos, e iso está superado.

«Habería que disolver Máis Galiza e crear un partido cunha nova cultura»