«O Bloque era unha autovía de catro carrís e agora só vai por un»

Carlos Punzón
carlos punzón REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Mantén que a socialdemocracia e o galeguismo quedaron sen sitio na fronte

09 mar 2012 . Actualizado a las 19:59 h.

Liderará a candidatura á secretaría xeral de Máis Galiza se a corrente, que o domingo se converterá en partido, abandona o BNG como el defende. Chegaría a votar ao Bloque se é a única forza nacionalista nas autonómicas, pero está convencido de que algo novo está a nacer.

-¿Por que o Bloque xa non vale para unha parte do nacionalismo?

-Na asemblea do BNG confrontaron dúas concepcións políticas, e o que aconteceu e que se deu unha virada moi importante cara o esquerdismo e o soberanismo, descoidando outros aspectos. O Bloque era unha autovía de catro carrís e decidiuse que agora só vaia por un. Queda un espazo orfo, o noso, e agora non o temos dentro do BNG.

-Pero o BNG ven mudando desde fai tempo ¿Que influíu máis nese cambio, ter tocado poder co bipartito ou perdelo?

-Dicía Andreotti que as eleccións as perden os Gobernos. Houbo erros, pero demostrouse capacidade. O importante foi ter perdido a confianza da cidadanía, e esa reflexión é a que ten que facer o nacionalismo.

-Semella que o dano foi maior dentro do propio Bloque.

-Unha liña argumentou que se perderan as esencias, e outra a conexión coa cidadanía. Foi o que se enfrontou na asemblea.

-E en Máis Galiza, ¿como pode haber dúas visión tan distintas en tan pouco tempo de vida?

-A única diferenza significativa que existe non ven do ideario político, tampouco de conformarse como partido, senón en que ámbito de actuación facelo: uns queren perseverar no BNG, pese ás evidencias, e outros pensamos que debemos facelo por nós mesmos. Moita xente tomou a asemblea do Bloque coma a última oportunidade e viron que non serviu.

-Alcaldes e concelleiros abogan por non romper, por non crear un problema novo.

-Non se pode facer esa división entre cargos e militancia en Máis Galiza. Pero claro que os que participan na acción de goberno o que teñen que pensar é en atender as demandas dos cidadáns, e comprendemos esa circunstancia. Pero o compañeirismo que temos permite deixar as pontes tendidas.

-Compañeirismo si, pero os que queren quedar no BNG falan da «irresponsabilidade» de romper antes das autonómicas e de ambicións persoais.

-Se o PP goberna é porque os galegos queren. O nacionalismo tende ao paternalismo e non acaba de entender a escolla da cidadanía. Pero Feijoo gañou co nacionalismo unido, polo que as responsabilidades son compartidas, tamén na perda de 180.000 votantes polo nacionalismo. É o que queremos recuperar.

«O nacionalismo perdeu 180.000 votos, e iso é o

que queremos recuperar»