«En Galiza xa existe unha forza que é plural e nacionalista, o Bloque»


vilagarcía / la voz

Como secretaria de Organización do BNG, cargo que desenvolve dende o 2009, Montserrat Prado foi a encargada de remitir aos irmandiños a carta na que se lles reclama a renuncia ás súas actas, caso de habelas.

-Decisión controvertida.

-Sorpréndeme, porque é unha actuación normal. Cando unha organización política se presenta a un proceso electoral, ademais da lexislación xoga a ética. Hai agrupacións locais, coma a de Teo, nas que os mesmos compoñentes da lista establecían un código ético coa cidadanía que incluía a posta a disposición das súas actas. Algo que, por certo, figura nos estatutos do BNG. Todos os cargos están a disposición da organización.

-Hai quen ve neste proceso unha repetición dos problemas do BN-PG en 1979.

-Cada quen pode quedar preso na etapa histórica que considere máis oportuna. A realidade é que o BNG preséntase ás eleccións cunhas siglas únicas e un programa único. Outra cousa é que alguén procure escusas para as súas decisións, desdicíndose do que sempre defendeu.

-Encontro Irmandiño sostén que no BNG xa non se busca o acordo entre correntes internas.

-Cada quen pode facer a súa lectura, pero o BNG mantén a estrutura e a filosofía coa que se fundou, unha fronte na que conviven sensibilidades e partidos, e na que a militancia é individual. Pero é que a ponencia política, aprobada cun 70 % de respaldo, vai máis aló e elimina os mínimos para obter representación no consello. Máis transparencia e democracia non se pode pedir. Non sei por que se insiste en que se impide a participación da xente. No anterior período o consello nacional respondía a esta pluralidade, sen maioría de ningunha corrente, e agora volve ser así.

-Afirma Jorquera que a presenza de Máis Galiza é valiosa.

-A nosa fortaleza é a pluralidade. E en Galiza xa existe unha forza plural e nacionalista, o Bloque. Todas as achegas foron, son e seguirán sendo valiosas, tanto as das persoas organizadas en correntes, coma as da inmensa maioría da militancia, que se adscribe só ao BNG.

-¿Teme a competencia doutra forza nacionalista?

-O que eu temo, mellor dito, o que me indigna, son as decisións da dereita política e o poder económico, que están a dinamitar as relacións entre traballadores e empresarios. Este intento de incrementar a competitividade a base de precarizar o emprego e o ataque sistemático aos sectores produtivos e aos dereitos do noso pobo co silencio culpable do señor Feijoo.

-¿Como afrontarían un adianto electoral en Galicia?

-Temos candidato e unha folla de ruta. Estamos preparados.

-Xa postos, ¿para cando unha candidata a presidir a Xunta?

-Desexaría que o antes posible. Nós somos, de feito, a única forza que superamos a lexislación.

«Agrupacións coma Teo tiñan un código ético»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
25 votos

«En Galiza xa existe unha forza que é plural e nacionalista, o Bloque»