«Lamento que algúns marcharan, pero é un erro, e a vida segue»

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, defende a vixencia do proxecto do BNG pese á saída de EI


PONTEVEDRA / LA VOZ

Fala alto. E claro. Moi claro. Miguel Anxo Fernández Lores non teme o futuro pese á escisión do Encontro Irmandiño. Lamenta as saídas, pero di que a vida segue. Atribúe a ruptura a cuestións ideolóxicas, non persoais, e sostén que o BNG seguirá contando co apoio maioritario dos militantes e da base nacionalista.

-Faga unha radiografía da situación actual do BNG.

-O BNG segue sendo a casa común do nacionalismo en Galicia. É unha ferramenta necesaria para o país na que caben todas as sensibilidades, sempre que teñan como principio básico a defensa dos intereses dos galegos e galegas dentro da óptica que foi sempre a do nacionalismo: antiimperialismo, democracia interna, respecto polas minorías. Eu lamento moito que algúns compañeiros se teñan ido ou queiran marchar, creo que é un erro, pero a vida segue. O BNG é cada vez máis necesario, e a situación económica fai que teñamos que dar respostas inmediatas, non podemos estar esperando a que un decida se marcha ou queda.

-O nacionalismo vén de perder apoios nas últimas eleccións. ¿Hai sitio en Galicia para dúas formacións nacionalistas?

-Non sei se hai ou non hai. Xa houbo intentos de facer unha formación política máis homologable para o sistema e fracasaron. O que si sei é que hai unha necesidade imperiosa de defender os sistemas produtivos do país e os que estamos máis capacitados para facelo, ao meu entender, somos nós.

-Na dirección do BNG están molestos polo xeito en que marcharon os «irmandiños». ¿Comparte este malestar?

-Non me pareceu excesivamente procedente [a saída] polo feito de que participaron activamente nunha asemblea que foi feita sen delegados, e coa participación democrática de toda a militancia, que foi un exemplo de democracia, e como as miñas teses non son maioritarias, opto por irme. Non entendo ese tipo de comportamentos, pero os respecto. Sempre digo que me vale todo na militancia do BNG (xente que traballa 365 días ao ano e outros que traballan menos) sempre e cando non se tiren pedras contra o noso tellado. Cando empezas a dar unha imaxe de confrontación, de crítica constante á organización e que transcenda, iso é negativo para a nosa forza política. Discutamos todo o que hai que discutir, as veces que faga falla, pero sexamos leais ao partido. Se a xente que se vai considera que dentro do BNG non pode satisfacer o seu compromiso coa sociedade, é libre de irse. No BNG cabemos todos sempre que defendamos un discurso coherente. Eu sei que as nosas teses, por exemplo sobre a UE ou a necesidade de obter maior autogoberno en Galicia, non son maioritarias agora, pero xa o serán. Temos que convencer á sociedade galega de que é preciso ter maior capacidade de decisión sobre a nosa economía, non falo de separarme nin de barreiras nin de nada parecido, senón que pido que me deixen producir os meus produtos, e que non teña que tragar produtos franceses subvencionados. E falo de leite, ou carne ou viño...

-Vostede pertence á UPG. ¿Ten a sensación de que neste proceso demonizaron á súa corrente, de que se vestiu coma unha historia de bos e malos?

-Son nacionalista case dende que teño uso de razón. Teño un compromiso co país e quero traballar polo país e a miña primeira militancia é co BNG. Dentro da Alternativa pola Unidade (APU) a maioría son independentes e xente que non milita na UPG, pero curiosamente hai un interese en dicir que isto é a UPG. O caso é demonizar, pero nós non estamos niso. Nós tratamos de discutir que queremos facer polo país, de discutir sobre a situación nacional e internacional e ofrecer alternativas.

-¿Pero non se cometeron erros para que un proxecto político con 30 anos de vida rachase deste xeito?

-Claro que si. Todas as forzas políticas se equivocan. Pero neste caso hai un problema de fondo ideolóxico, non unha cuestión persoal. Todos somos personalistas, pero o noso é un proxecto colectivo e nos adaptamos. Erros cometemos todos, todas as sensibilidades ao longo deste tempo.

-Logo non é un problema de diálogo, senón de dialéctica. Das ideas.

-Claro, non é porque non falemos das cousas, senón porque non estamos de acordo nas cousas. A min gustaríame que o nacionalismo fose maioritario na sociedade, pero desgraciadamente non o é. O que si sei é que se non temos unhas ideas claras, un proxecto, perderemos base social. Se tivésemos unha liña máis homologable, ao mellor poderiamos achegarnos a determinados sectores, pero ese non é o camiño que escolleu maioritariamente o BNG.

miguel anxo fernández lores alcalde de pontevedra

«Neste caso hai un problema de fondo ideolóxico, non é unha cuestión persoal»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
32 votos

«Lamento que algúns marcharan, pero é un erro, e a vida segue»