«Non hai ferramenta mellor que o Bloque para servir a Galicia»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

GONZALO BARRAL

Jorquera di que o BNG non pode construír o futuro dende a exclusión

31 ene 2012 . Actualizado a las 11:29 h.

Nas mans de Francisco Jorquera, entre outros, está conducir un proceso posasemblear moi complicado, no que sobrevoa o risco dunha escisión e a ameaza de baixa de afiliados, descontentos cuns resultados que evidencia unha vontade de cambio, pero que coloca a situación do BNG no lugar de sempre, cunha UPG en maioría. O novo candidato nacionalista á presidencia da Xunta, que onte participou no programa Vía V, de V Televisión, chama á conciliación e ao diálogo.

-¿Que primeira lectura faría vostede desta asemblea?

-Eu creo que a cita permitiu constatar que o BNG é unha organización profundamente democrática, con vitalidade interna, que ten unha afiliación tremendamente implicada na vida organizativa da fronte e moi comprometida co seu futuro. Isto ten o seu exemplo no alto grao de participación rexistrado na asemblea.

-¿Sorprendeulle un resultado tan xusto?

-Non, en absoluto. Cando eu aceptei encabezar a candidatura de Alternativa pola Unidade para ser cabeza de lista á Xunta partía da base de que podía resultar electo Carlos Aymerich. Se así fora, tería hoxe todo o meu apoio. Non prexulguei ningún resultado nunha asemblea onde todo estaba aberto.

-Vostede levou poucos votos máis que o seu opoñente. O Movemento Galego ao Socialismo, a corrente máis minoritaria, foi decisivo para desempatar a asemblea...

-O portavoz desa corrente, Rafael Villar, no discurso previo á segunda volta explicoulle á militancia ás razóns que o levaban para pedir o voto á candidatura da ApU; pero eu creo que iso, a día de hoxe, xa é anecdótico. O importante é que o BNG xa ten un consello nacional único. E plural. O mesmo pode dicirse da súa executiva. Eu xa non son o candidato da ApU, senón de todo o Bloque, e voume esforzar porque todos, sen ningún tipo de excepción, se sintan reflectidos no meu traballo.

-Alén da lectura dos números, percíbese un BNG partido en dous, cun polo alternativo que demanda cambios...

-Nunha forza política hai que diferenciar os tempos. No marco dun proceso asemblear é lóxico, lexítimo e bo que haxa contraste democrático de propostas; pero rematado todo, os acordos nos vinculan. A lectura que eu fago é que no BNG no se pode prescindir de ninguén. O noso futuro non se constrúe dende a exclusión, senón dende un esforzo para integrar.

-Pero a sensación que reflicte é que hai dúas metades...

-Non me gusta poñerme no espello doutras forzas porque temos unha identidade propia, pero vénme a cabeza un congreso do PSOE, con catro listas, no que Zapatero resultou vencedor a nove votos do segundo. Despois esa persoa foi presidente do Goberno durante oito anos.

-¿Que quere dicir con iso?

-Que nunha organización, en asemblea, é lóxico que haxa propostas, e que unha vez sustanciados os acordos, rexen para todos. Nós somos unha organización diversa e sempre convertemos ese pluralismo nun valor.

-Sobre iso está a poñer o foco Beiras. O Encontro Irmandiño vai decidir nunha asemblea se continúa ou non no BNG...

-Eu respecto calquera reflexión que aborde un colectivo, trátase dun asunto que terán que tratar eles, libremente, e eu non penso interferir. Pero si considero que o BNG demostrou unha vitalidade democrática e, sobre todo, o compromiso dos afiliados co seu futuro. Militantes que, como eu, non conciben que haxa outra ferramenta mellor que o BNG para defender a Galicia. Ese foi o mandato que nos deu a militancia.

-Consideraría irresponsable unha escisión...

-Eu non estou cualificando as decisións que poida tomar un colectivo, en absoluto. Pero rematada a asemblea, eu percibín unha actitude inicial de todos os membros electos que foi de responsabilidade e de corresponsabilidade. E estou convencido de que así vai a seguir sendo no futuro.

«Voume esforzar porque todos se sintan reflectidos no meu traballo como candidato»