«Aínda hai moitos localismos»

Nacho Mirás Fole

GALICIA

Nun mercado moi competitivo, insiste en que Galicia non se vende soa

23 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Ou nos tapamos todos baixo un paraugas único, ou a chuvia non terá compaixón. Á fronte da Secretaría Xeral para o Turismo desde o ano 2009, Carmen Pardo López (París, 1971) tenta que o paraugas sexa grande dabondo para que ninguén quede fóra. Non é doado, porque sempre hai quen cre que, mellor que o paraugas único, é o chuvasqueiro propio. Pero parece que a mensaxe vai calando.

-Chega de Fitur, en Madrid. Tal como está a situación, ¿mal prognóstico para o sector?

-Os resultados do 2011 teñen unha mensaxe de fondo importantísima: non se renuncia a viaxar a Galicia. É certo que, para o sector do aloxamento, baixaron as pernoctacións con respecto ao 2010, que foi ano santo e excelentemente turístico. Pero aumentou o volume de visitantes e compensou máis que proporcionalmente a caída das pernoctacións. Estamos en 8,8 millóns de visitantes.

-¿Galicia véndese soa?

-Non concordo. Hai unha competencia brutal. O destino, hoxe, é o mundo. Pode parecer que a promoción é superficial, pero non o é en absoluto. Se non estamos continuamente, e agresivamente, golpeando o mercado, perdémolo. O que non se conta non existe. Ademais de Fitur, estaremos en dezasete feiras internacionais.

-¿Notouse a crise na maneira de presentarse en Fitur?

-Fomos de xeito máis axustado en canto a metros cadrados ou na estética do stand, tanto nesta feira como en todas. Pero as grandes novidades da feira compensan o reaxuste do espazo: a primeira, que fomos baixo o paraugas único de Galicia; a segunda, os xeodestinos, esa ordenación turística do territorio que é un xeito de presentar un multidestino para trasladar ao turista a través de catorce xeitos diferentes de vir a Galicia. Por exemplo, dicirlle ao xeoturista que vén a Santiago de Compostela que a Ribeira Sacra non ten nada que ver con Santiago; que A Mariña lucense é outra experiencia; e, así, ata catorce. Temos que competir conseguindo que non nos comparen, de aí esa marca Galicia, ¿gárdasme o segredo?, da que devén toda unha arquitectura que nos fixo identificar dez produtos que non teñan competidor. Todo isto busca gañar estancia media.

-¿Os voos de baixo custo axudan ou non son unha estratexia principal?

-A teoría que sostén o sector privado é que o que non se gasta na viaxe, gástase no destino. Ten certa coherencia e lóxica esta afirmación. Pero un viaxeiro tampouco decide só un destino polo medio de transporte que utiliza. En Galicia, máis do cincuenta por cento chegan en coche propio. Pero non teño dúbida ningunha de que o AVE vai ser un revulsivo para o turismo.

-Se chega...

-Parece que chega. Hoxe non contan as distancias, contan os tempos. Temos a proba do que pasou noutras comunidades.

-¿Cantas veces ten que parar a alcaldes que lle piden que tire máis para a súa cidade?

-Isto é un apostolado. Teño unha máxima de Einstein coa que me levanto todas as mañás: Non se pode esperar un resultado diferente aplicando sempre a mesma fórmula. Intento transmitir a súa filosofía. Xa conseguimos que moitos alcaldes, non digo todos, falen de xeodestinos; saben que, coa complementariedade, van gañar. Aínda temos moitos problemas de localismos en Galicia.

-¿Abrimos mercado en China ou Rusia?

-Este ano imos por primeira vez aos dous países. China é un mercado con potencial, o asiático non busca sol e praia. Rusia é un mercado cun gasto medio elevadísimo, un ruso gasta tres ou catro veces o que un turista doutro país.

-E se Rajoy elimina as pontes festivas, ¿que vai pasar?

-Eu tamén me fixen esa pregunta, pero ten dobre lectura: na ponte de decembro a xente non saíu porque era demasiado longa. Son mellores as escapadas.