«A UPG non dá mostras de recoñecer que estamos na liña equivocada»

La Voz

GALICIA

03 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Pérez Bouza defende unha saída pactada entre todas as correntes e partidos que forman o BNG á actual crise que vive a fronte. Non obstante, recoñece que o acordo se presenta difícil:

«Neste momento hai un nivel de confrontación que ten que ir baixando se hai sentido común. Se chegamos a unha asemblea que non é de consenso senón de confrontación, eu non participarei nesa asemblea e non lle arrendo a ganancia á persoa que a gañe. A cidadanía non entendería que unha forza política que leva perdendo apoios nos últimos anos non sexa capaz de chegar a un consenso e o que fai sexa enfrontarse», di.

-¿Quen lle pon paus nas rodas ao acordo?

-Un pouco todos. Eu son responsable comarcal e membro do consello nacional e, polo tanto, asumo a miña parte de responsabilidade nesta deriva do BNG. Agora ben, eu si teño vontade de negociación, pero hai unha parte do BNG, que é a que neste momento o está dirixindo, que é a UPG, que non dá mostras de recoñecer que estamos na liña equivocada, que hai que cambiar e que é necesario facer unha revisión profunda deste proxecto político. Espero que, de aquí a asemblea, a UPG se dea conta de que hai que cambiar.

-Coas últimas desercións, tampouco Máis Galiza dá mostras de ter a solución.

-Son militante de Máis Galiza, pero non me vale un apaño, un acordo de última hora, que un poña ao portavoz nacional e o outro ao candidato á Xunta, para que todo siga igual. Respecto a elección dos que decidiron marchar. Eu, de momento, sigo estando, pero estou á expectativa de ver que pasa neste proceso asembleario e se de verdade hai vontade de cambio. É dicir, non quero un BNG simplemente para resistir senón para gobernar.