«Feijoo é frouxo, pero na oposición tamén temos debilidades serias»

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

«Na mesma situación, asinaría a moción contra Albor», recoñece o deputado autonómico e exportavoz do grupo socialista.

11 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

É o deputado máis veterano do Parlamento galego, a memoria viva tamén de boa parte da historia do PSOE galego. Ismael Rego contribuíu activamente a que en 1987 González Laxe se convertera no primeiro presidente socialista da Xunta. Anos despois, no 2005, tamén se converteu no fiel escudeiro do segundo presidente autonómico que deu o partido, Emilio Pérez Touriño.

-¿E quen podería ser o terceiro?, ¿José Blanco quizais?

-Eu estou orgulloso de ter contribuído á investidura de Laxe e de Touriño, en ámbolos dous casos de distinto xeito. No caso de Laxe foi diferente, porque...

-Non se me vaia polas gallas, ¿como ve o tema Blanco?

-Agora non podemos permitirnos o luxo de abrir debates que non corresponden, porque é o momento de apoiar a Rubalcaba. Eu ao que aspiro é a que o PSOE goberne Galicia en torno a un proxecto que recupere todo aquilo que nos trouxo Touriño, que acadou o noso teito. O socialista que queira chegar á Xunta, ten que facelo co proxecto de país de Touriño.

-¿E que nomes poderían encarnar ese proxecto?

-Naquel proxecto houbo tres nomes determinantes, que son José Blanco, Antón Louro e Lola Villarino. Eles saben que para gobernar hai que ter un proxecto amplo, xeneroso. Eu non teño dúbidas sobre quen podería ser o mellor candidato, pero non vou dicir aínda o nome.

-¿Pero é posible unha alternativa política a Núñez Feijoo?

-Feijoo é frouxo, ten un Goberno frouxo, do nivel de directores xerais de Fraga Iribarne; pero na oposición tamén temos debilidades serias. Feijoo é un presidente máis preocupado pola súa proxección, é pouco útil para resolver os problemas dos galegos e isto facilita as cousas para a oposición, aínda que no PSdeG, e en toda a oposición en xeral, tamén hai problemas.

-¿Teñen que ver eses problemas coa dirección do partido?

-A dirección política e o secretario xeral estou convencido que fan o mellor que poden, pero temos que buscar máis complicidades para ensanchar a nosa base electoral, porque somos o partido mellor situado para ampliar a súa base electoral. Non é doado, pero penso que o discurso pronunciado o venres por Blanco no Hostal dos Reis Católicos é integrador e acércase moito a ese camiño.

-Vaiamos atrás, vostede asinou a moción de censura contra Fernández Albor ao pouco de aterrar na Cámara. ¿Volvería facelo agora?

-Se se dera a mesma situación, penso que si, que volvería a asinala, porque Albor era un presidente ao que lle dimitira case todo o Goberno e a moción tiña tras de si un verdadeiro programa alternativo. Habería o inconvinte de que iso sería hoxe moi pouco vendible.

-¿Por que?

-Porque aquela moción fíxose con deputados que desenvolveron a súa labor e militancia noutros partidos políticos. Hoxe falaríase claramente dun caso de transfuguismo grave.

ismael rego gonzález deputado autonómico e exportavoz do grupo socialista