«Non toca falar do candidato; o PNV e o PSOE non o fan»

La Voz

GALICIA

26 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nas últimas semanas están a xurdir voces que falan da necesidade de redefinir o modelo do BNG e algunhas persoas, incluso, teñen aberto o debate sobre a conveniencia de abandonar a organización pola hexemonía da UPG. A pasada fin de semana organizouse en Compostela unha xornada para falar sobre os novos camiños da esquerda. E nunha mesma mesa xuntáronse figuras senlleiras como Camilo Nogueira, Xosé Manuel Beiras ou Teresa Táboas.

-¿Non cre que están a xurdir demasiadas críticas internas ao funcionamento do BNG?

-Nós, para ben ou para mal, somos unha organización democrática e transparente. Bastante máis ca calquera outra forza política. Iso quere dicir que dentro do Bloque sempre colleron diferentes opinións. Cada persoa, cada grupo de persoas, pode propoñer o que consideren. Iso é un valor na nosa organización, da que me sinto orgulloso.

-¿Non afecta iso á percepción social do funcionamento?

-Nós a sociedade lle transmitimos unha soa política, unha soa voz. Pode vostede falar do decreto do galego, das caixas de aforros, do financiamento, da defensa dos servizos públicos, do que queira. E esa é a nosa virtude. Somos claros e coherentes, cunha posición definida. A ningún observador se lle escapa que nós defendíamos a fusión das entidades de aforro cando ninguén falaba delas.

-O ex vicepresidente Quintana abriu recentemente o debate sobre a súa saída do Parlamento. ¿Que opina como portavoz do BNG?

-El transmitiume persoalmente o desexo de deixar as responsabilidades que ten antes de que remate á lexislatura.

-¿Díxolle cando?

-Non falamos dun prazo determinado de tempo.

-¿Aspira vostede a ser o candidato do BNG nas próximas eleccións autonómicas?

-Volvo a contestar o que xa teño dito noutras ocasións. Non toca falar disto agora. Pero non só no BNG; o PNV e o PSOE non o fan. ¿Quen nomea un candidato a tres anos vista? ¿Vostede sabe se Zapatero vai repetir nas xerais do 2012? Creo que é unha resposta que ten toda a lóxica. O BNG abordará esa cuestión no momento oportuno.

-A min gustaríame coñecer cal é o seu desexo persoal, a súa disposición...

-Como non é o tempo oportuno para ese asunto tampouco é o momento de expresar os desexos. Eu lle podo asegurar que o único desexo persoal que me está movendo é traballar e facelo o mellor posible para que a sociedade galega confíe no BNG. Esa é a miña aspiración e a ela débome. O demais xa virá cando toque.