La Voz recolle as mellores páxinas dos grandes autores da literatura galega
GALICIA
O domingo comeza unha colección de escolmas de vinte escritores esenciais e unha serie sobre a historia das nosas letras
14 may 2010 . Actualizado a las 04:40 h.As mellores xoias herdadas do galego. A esencia de Castelao, Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Ramón Otero Pedrayo... As palabras elixidas dos que perduran no tempo. E a súa historia. La Voz recólleas en dúas coleccións que comezan este domingo. O Mellor de... recompila o máis destacado dos grandes autores, cunha escolma comentada de cada un deles. A Historia da Literatura Galega repasa as distintas épocas das nosas letras. Venderanse de forma conxunta co periódico vinte volumes dedicados aos escritores máis sobranceiros e outros vinte farán o percorrido da literatura galega a través do tempo, desde os trobadores ata a poesía contemporánea. Cada entrega constará de dous libros que se venderán de forma conxunta co diario a un prezo de 1,95 euros. A serie abrirase co mellor de Castelao e co libro A cultura e a literatura trobadoresca . Os seguintes exemplares seguirán ofrecéndose por partida dobre cada sábado ata o 25 de setembro. De dous en dous. Xuntos. A historia e os que, coa súa pluma, deixaron os seus nomes nela.
As dúas coleccións foron realizadas por un equipo de profesores cuxo traballo foi coordinado por Xosé Antonio Ponte Far, catedrático de Lingua e Literatura. Este grupo de expertos dedicouse a destilar as obras esenciais. Reservou espazo para os cantares e os desacougos de Rosalía de Castro. Para os amores cantados e os ecos do son das ondas de Martín Codax, Mendiño e Xohán de Cangas, os poetas medievais da ría de Vigo. Para os Retrincos e as Cousas doces e amargas de Castelao. Para a particular doutrina galega que escribira Valentín Lamas Carvajal sen moita fe no poder establecido. Para a sátira certeira de Vicente Risco. Para o tremer daquela luz do candil que acendera Ánxel Fole. Para o universo prodixioso e infinito de Álvaro Cunqueiro... Para o mellor dos mestres.
A Historia da Literatura Galega fai un percorrido dende a Idade Media ata a narrativa e a poesía galega contemporánea por orde cronolóxica. Un paseo ameno que achega de xeito sinxelo ao lector os distintos períodos das nosas letras, pero sempre con detalles e personaxes que axudan á reflectir o contexto social e política de cada época.
Ilustracións a cor
E esta historia avanza apoiada en anécdotas e personaxes. E en ilustracións a cor. Neste senso, colaboraron para compoñer o itinerario visual da obra entidades como a Academia Galega, a Fundación Luis Seoane, a Real Biblioteca del Escorial e M. Moleiro Editor.
Os libros coa escolma dos máis destacados escritores galegos contan cunhas 144 páxinas en branco e negro encadernadas en tapa dura. Inclúen unha biografía coa posta en páxina dos pasos principais da traxectoria vital e literaria dos autores, e unha bibliografía con publicacións sobre o escritor. A Historia da Literatura Galega componse de 20 volumes de 64 páxinas. Dúas formas de achegarse ao galego que converxen nos quioscos este domingo da man de La Voz.