«Este Xacobeo é máis austero ca o pasado, pero está moitísimo máis racionalizado»
GALICIA
Varela recoñece que xa esgotou os fondos para a «extraordinaria» programación do ano santo e insta ao Estado a aportar máis
09 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Roberto Varela Fariña (Meaño, 1959) dirixe este ano un Xacobeo por primeira vez. E por última, a non ser que permaneza catro lexislaturas, ata o 2021, no cargo ao que accedeu hai case 13 meses: o de conselleiro de Cultura e Turismo.
-Xa vai alá un terzo do Xacobeo 2010. ¿Que balance fai?
-Moi positivo. Comezou cun certo pesimismo, si, pero de marzo en diante percibiuse un gran cambio, tanto no ánimo xeral da xente como na chegada de turistas. No que atinxe á programación, mantemos o compromiso de desenvolver entre 1.500 e 2.000 actos chegando a toda Galicia, repartindo, pero priorizando as cidades e os concellos á beira do Camiño.
-Algúns deses concellos, nomeadamente gobernados polo PSOE ou o BNG, acúsano de marxinalos na programación.
-Co bipartito certos concellos si estiveron marxinados de verdade, mesmo abandonados, e iso debemos telo en conta agora. Aínda así, non entendo as críticas, porque este é o Xacobeo de todos. Con independencia da cor política, chega a calquera lugar. De feito, concellos da oposición como Santiago e A Coruña teñen boa parte da oferta.
-O bipartito prognosticara que no 2010 chegarían a Galicia dez millóns de visitantes, cifra que o presidente actual rebaixou logo a nove. E vostede xa fala ultimamente de oito. Dende fóra semella que non teñen as cousas moi claras?
-Nós falamos non de previsións optimistas, senón de datos, dun obxectivo, o de chegar aos oito millóns de visitantes, que é realista, alcanzable e pragmático, tendo en conta a crise. Ora ben, estou seguro de que o imos superar amplamente.
-En comparación co anterior Xacobeo, entre as achegas de Loterías do Estado, do Consorcio de Santiago e dos patrocinadores, dispón de 24 millóns menos. ¿Que faría con eles?
-Aínda confío en poder contar coa axuda que o Estado nun principio negou a Galicia. ¿Que poderiamos facer? Basicamente, investir máis na posta en valor do Camiño e na programación. A que temos pechada ata o de agora podería ser máis ambiciosa, pero é extraordinaria. Dadas as circunstancias, fixemos o máis posible con menos, sempre dende o rigor e a eficiencia.
-¿A quen contrataría se tivera ese orzamento extra?
-Probablemente, repensaríamos o de U2, que era moi oneroso para os fondos cos que contabamos. Lamentablemente, polos cartos que deixaron de vir de Madrid, tivemos que rexeitar ducias, mesmo centos, de propostas moi interesantes.
-Dos 42 millóns si consignados, ¿cantos gastaron xa?
-Gastado, comprometido ou reservado con asignación definida témolo todo, xa non hai máis fondos, desgraciadamente.
-Bob Dylan, Bryan Adams, Pavarotti, Red Hot, David Bowie? Probablemente do seu predecesor Pérez Varela non envexe a cultura operística. Pero, ¿e a nómina de estrelas que trouxo a Galicia no 2004?
-Tampouco a envexo. Nós tamén traemos a xente, aínda que cun concepto distinto, moi boa. Este Xacobeo é moito máis austero, pero está moitísimo máis racionalizado que aquel. E aínda quedan por anunciar un par de cousas importantes.
-¿Quixeron fichar a Shakira e non puideron?
-Tentámolo, pero firmou un contrato de exclusividade co festival Rock in Río de Madrid, que lle pagou unha auténtica fortuna, e iso fíxoo imposible.
-¿A Eric Clapton?
-Tamén, pero a negociación, ao publicarse antes de tempo, estragouse.
-¿A AC/DC?
-Non me consta.
-¿E a Paul McCartney?
-Estivemos en contacto con el, si, como estivemos con outros grandes artistas que andaban de xira este ano e -pensabamos- podiámonolos permitir. Se cobraramos entradas [aos concertos] máis caras, a prezos de mercado, poderiamos traer a quen nos viñera en gaña. Pero preferimos poñelas baratas porque queremos ante todo que este sexa un Xacobeo moi popular.
-Teñen por anunciar o cabeza de cartel do MTV Day, dous concertos de nivel no Monte do Gozo, un festival en Vigo, un certame en Ourense? ¿Non son moitos actos pendentes a estas alturas?
-Estamos a piques de anunciar todo. Non imos mal de tempo.
-Pois no 2004 o programa definitivo fixérase público o 3 de abril. No 2010, avanzado maio, continúa sen coñecerse?
-Pero entón non houbo esta programación inmensa, enorme, que temos agora, con actos todos os días do ano en toda Galicia. Con todo, no prazo máximo dun mes anunciaremos a oferta, digamos, definitiva. Entendo a gran expectación xerada polos grandes espectáculos de verán, pero non o son todo.
-¿Deses cantos se gardan?
-Dous, se o orzamento finalmente nolo permite.
-¿Dous de que nivel?
-De encher o Monte do Gozo.
-Cheos seguramente teñan os albergues este verán. ¿Non teme un colapso da rede ou de Santiago en xullo e agosto?
-Si, iso pasa a cotío pola miña imaxinación. Non un colapso, pero si unha saturación. De aí que insistamos tanto na necesidade de traballar na desestacionalización do turismo. Agardo que non morramos de éxito.
-¿E non pagaría a pena licitar antes a construción dos cinco albergues que veñen de sacar a contratación aínda?
-É certo que se licitaron un pouco tarde, pero a Administración ten os seus tempos e hai que axustarse a eles. Ademais, o Camiño, os albergues, transcenden o Xacobeo.
-Milleiros de fans de Springsteen sufriron en agosto un caos no Monte do Gozo. E hoxe alí todo segue igual. ¿Por que?
-Hai xa un proxecto de reforma da sinalización, a iluminación e os accesos do Monte do Gozo, e en breve executarémolo. Aínda que o caos foi máis un problema de xestión que de recinto.
-O Papa durmirá en Barcelona e non en Santiago este ano. ¿Tampouco oficiará máis que na catedral de Compostela?
-Esa cuestión, que compete organizar ao Vaticano e ao Estado, non á Xunta nin ao Concello, está por pechar. Sabemos que dará unha misa, pero non onde.