«Non cobraremos por visitar o Gaiás, pero quizais si para ver a exposición de apertura do museo»

La Voz

GALICIA

09 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Aos días de ser nomeado conselleiro de Cultura, Roberto Varela adquiriu en abril do 2009 un par de compromisos a respecto do Gaiás: explicar aos galegos canto custará de verdade e unir nunha as dúas fundacións do proxecto.

-¿Cando fará efectivos estes compromisos?

-O custo definitivo da obra aínda non cambiou en relación co calculado polo bipartito [475,9 millóns de euros]. Si estamos a reprogramar os tempos para a posta en funcionamento de dous dos seis edificios da Cidade da Cultura, para asumir o remate do investimeno sen desequilibrar os orzamentos. Ao existir esa demora, non podemos fixar o prezo final porque, obviamente, cada ano de desfase suporá un incremento de custo. O importante é axustarse á realidade e, agora, a realidade non nos permite seguir construíndo un centro da ópera coma se nada.

-E iso sitúa o final da obra no horizonte do?

-No horizonte que marquen as posibilidades económicas. Debemos ser realistas e guiarnos por unha estratexia dobre: priorizar a posta en valor do que xa está feito e ralentizar todo o demais.

-Abrindo o complexo en novembro, como din, xa saberán se han cobrar ou non entrada aos visitantes?

-En principio, non. Si estamos estudando a posibilidade de cobrar entrada por ver a grande exposición coa que inauguraremos [tralo verán do 2011] o Museo de Galicia.

-¿Canta xente visitará o recinto anualmente?

-É un cálculo que aínda non temos feito coa precisión debida, por diversos factores. Si estimamos que, con motivo só desa exposición, virán aquí 200.000 persoas. O fundamental hoxe é asumir que o proxecto, coas súas debilidades, non ten volta atrás.

-¿Sorprendeulle o anuncio de Suso de Toro de que deixa a escrita profesional?

-[Sorrí] Sorprendeume moitísimo. De feito, chameino.

-¿E que lle dixo?

-Nada, chameino para ver que significa exactamente iso de deixar a escrita. É unha decisión moi persoal e respectable, pero, na miña opinión, é unha mágoa. Porque non deixa de ser un bo escritor.

-Un escritor que, con dez máis, pediu a súa cabeza.

-Si, pero non lle gardo rancor a ningún deles. Despois daquela polémica falei coa maioría e entendéronme. Temos unha boa relación.