Queremos Galego denuncia en Bruxelas «a agresión sen precedentes» aos dereitos lingüísticos

J. O.

GALICIA

15 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Representantes da plataforma Queremos Galego denunciaron onte no Parlamento Europeo que a política lingüística da Xunta é unha «agresión sen precedentes» ao galego. Así o afirmou Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, nunha visita á Eurocámara que compartiu coa portavoz do BNG ante as institucións comunitarias, Ana Miranda, o deputado autonómico desa formación Bieito Lobeira, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e o eurodeputado de ERC, Oriol Junqueras.

«A visita responde á necesidade de poñer en evidencia á falta de respecto aos dereitos lingüísticos dos galegos», dixo Miranda. Para Lobeira, a política da Xunta é «unha cruzada antigalego» que esgota «a posibilidade de chegar a acordos co PP» nesa materia. Os portavoces da plataforma transmitiron a súa denuncia á Comisión Europea e aos membros do Europarlamento.