«Habería que manter a prohibición, porque un plan do litoral sen directrices do territorio non é de recibo»
GALICIA
O coordinador da asociación ecoloxista Verdegaia avoga por ampliar a prohibición de construír na franxa dos 500 metros para resolver as directrices do territorio antes de ordenar o litoral.
-O Goberno galego ven de adiantar as grandes liñas do plan. ¿Que lles parece o contido do documento inicial, como punto de partida para ordenar os usos costeiros?
-Non o coñecemos aínda. Agora están en fase de exposición as directrices de ordenación, que son as guías básicas de calquera actuación sobre o territorio. Non é de recibo que sen ter esas directrices esteamos a plantexar un plan do litoral. Ou iso significa que non se vai ter en conta calquera achega e se vai impor a maioría ou isto non ten ningún sentido.
-¿Apostan entón por agardar un ano máis a que a Xunta aprobe as directrices territoriais para plantexar entón a planificación do litoral?
-Cremos que si. Xa que o plan do litoral leva anos de retraso, non importa retrasalo un pouco máis e aprobar primeiro as directrices, mantendo ata entón a prohibición nos 500 metros. Un plan do litoral sen as directrices non é de recibo.
-O que suporía ir a unha segunda prórroga dese veto cautelar, xa que a ampliación vixente expira o 17 de maio.
-Absolutamente. O primeiro debe ser aprobar as directrices para afondar logo no seu desenvolvemento a través de plans apegados a cada concello.
-¿A expensas de coñecer polo miúdo as intencións, que lles parece a filosofía?
-Empréganse adxectivos que nos dan un pouco de medo. Falan de que ordenar non é prohibir. Vai ser un documento moi controvertido.
-Galicia é o único territorio sen ordenación en todo o litoral atlántico europeo. ¿Que aspectos doutros marcos normativos podería aproveitar?
-En Asturias, Cantabria e Euskadi hai medidas que permiten vivir na costa, pero son ámbitos moi determinados. A costa debe estar protexida, agás aquelas zonas que teñan beneficio social. E beneficio social non é construír unha piscifactoría e que se creen cinco postos de traballo, senón facer un hospital, no caso extremo de que non poda edificarse noutro punto. Acábase de aprobar un plan sectorial de acuicultura antes do plan do litoral, que xa non vai entrar a ordenar iso. É o trámite ao revés. Posicionarémonos en contra.
-¿Percibe risco de que o plan concentre a edificación nos concellos máis ocupados e protexer o resto?
-Temos que partir da base de que nós temos que construír para habitar, non para facer turismo. Se queres xestionar turismo, hai outras opcións. Temos que perder a perspectiva de que construír no litoral é turismo. Pero non sei se me da más medo de que sexa ao revés e que, xa que Muxía non está tan desenvolvido como Sanxenxo, se lle dea máis ocupación para ter todo igual. Sanxenxo é un modelo a evitar.
-A prohibición dos 500 metros freou ese modelo, aínda que fora de xeito transitorio. ¿Foi positiva nese sentido?
-Sen dúbida. Se non tes normativa, ou tes un control prohibitivo ou tes barra libre. O que se fixo no litoral galego foi un desmadre. A lei foi moi positiva, pero a ver o que ven agora.
-Ao final, o posible impacto da lei sobre o sector quedou agochado pola crise.
-Falaban da perda de miles de postos de traballo, pero non foi así, porque de feito as construtoras buscaron outras alternativas ata que todo estoupou. A prohibición nos 500 metros foi unha medida moi racional, porque protexeu. Por iso nos parece viable manter uns meses máis esas medidas de protección ate ter as directrices de ordenación do territorio e facer despois o plan do litoral.