«Son popular e nunca me vou marchar do PP»

GALICIA

A comisión contra o transfuguismo trata hoxe a súa expulsión pola moción de censura

17 dic 2008 . Actualizado a las 15:14 h.

Confiada e tranquila, Nidia Arévalo afronta os seus primeiros días no goberno do Concello de Mos sen preocupación algunha polo expediente que lle acaban de abrir por promover unha moción de censura. O seu apoio en Gerardo Alonso, ex número dous do PSOE, converteu o caso nun dos temas que tratará hoxe a comisión contra o transfuguismo que se reúne en Madrid. Pero non hai medo.

-¿Se propón, en caso de expulsión, conformar un grupo independente?

-Son popular e nunca me vou marchar do PP. Mentres me sigan convencendo as súas ideas e os seus proxectos, como fixeron ata o de agora, e estou segura de que seguirán así, seguirei. Eu digo que non me vou porque espero que os dirixentes do partido teñan confianza en min, como xa fixeron.

-O pleno da moción foi un dos máis polémicos.

-Creo que o espectáculo que deu o anterior goberno foi lamentable. Viuse que estaban aferrados ao poder e, aínda que só quedaba que a moción se sometera a votación, convocaron á xente para que sucedera o que sucedeu. Intentaron ata o final que se suspendera e a alcaldesa non foi quen de poñer orde.

-A presenza dentro do edificio de persoas supostamente contratadas para seguridade converteuse en motivo de discusión. Algún deles admitiu ante a Policía Local estar alí cobrando.

-Dáme a risa que digan que contratamos matóns. O único que contratamos foi unha empresa de seguridade uniformada porque non tiñamos a constancia a tarde anterior de que a Garda Civil e o Concello porían medidas para garantir a nosa seguridade. A xente do salón eran veciños de Mos. A nosa decisión estaba totalmente xustificada. De feito, as únicas agresións que se produciron foron de xentes do anterior goberno. O irmán da anterior alcaldesa deulle un golpe a un militante.

-Para levar adiante os seus proxectos, fará falta o apoio de Gerardo Alonso. ¿Haberá problemas ao non ser do PP?

-Antes de apoiar a moción xa mirou o proxecto do partido, e estaba de acordo, polo que esperamos non ter problemas. De todos modos, se terá en conta a súa opinión, intentaremos chegar a un consenso con el e cos demais edís do goberno. Estou segura de que el vai a dar un gran impulso ao emprego, xa cando estaba no goberno co PSOE o felicitamos polo seu labor.

-¿Como atopou a situación de Mos á súa chegada ao goberno?

-Aínda acabamos de chegar, pero nos parece fundamental un cambio na organización do persoal, porque hai moito eventual e cremos que en departamentos como o urbanismo é necesario contar con xente consolidada e especializada. Unha das cousas que máis nos preocupa é a situación financeira. Hai facturas dos teléfonos do goberno sen pagar e existen graves problemas económicos que esperamos poder solucionar.

-A situación económica e os soldos do anterior goberno foron un punto de discusión habitual no pasado recente.

-Cremos que a solicitude de cinco dedicacións exclusivas que tiñan, sen incluír a persoal para urbanismo e o Centro de Desenvolvemento Local (CDL), eran excesivas. De feito, unha das primeiras cousas que vou facer é baixarme o soldo. Non estaba de acordo antes e por coherencia imos reducir o gasto en salarios do goberno. Ademais, vaise repartir entre máis persoas. Mañá levaremos ao pleno a aprobación de só dúas dedicacións exclusivas, para a alcaldía e a tenencia de alcaldía, que ocupa Gerardo Alonso, que tamén se fará cargo do CDL. As demais serán parciais.

-¿Cales serán as principais apostas do novo goberno?

-O urbanismo é unha peza clave. Hai que dedicarlle moito tempo e persoal, e agora mesmo non hai plantilla fixa. Se deben establecer criterios para sancións con seriedade e non dende a urxencia. Fai falla un xerente e esperamos que, a partir de xaneiro, poidamos contar con el. Tamén é necesario investir en saneamento e abastecemento de auga porque non é aceptable que un concello con 15.000 habitantes, e ás portas de Vigo, teña problemas para que lle chegue a auga.