«A moción de confianza é para que o durísimo 2009 non pille aos lucenses sen presuposto»

GALICIA

Orozco di que recorreu a esa medida para que o Concello non se paralizase en plena crise, pero non por estratexia política

09 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O alcalde lucense, o filosofo López Orozco, repensaba en días pasados a vitoria de Obama a traveso da frase «he tenido un sueño», que el explicaba así: cando hai unha idea potente, triunfa. Aquel día aínda non sabía que a finais da semana a súa moción de confianza para o presuposto tamén triunfaría.

-Moitos lucenses entenden a moción de confianza como unha cuestión de estratexia política, pero vostede di que un asunto de interés para os cidadáns.

-O ano 2009 preséntase moi duro, e non podíamos deixar que os lucenses o afrontasen sen un presuposto, porque cada decisión económica, cada convenio, podería demorarse interminablemente debido aos trámites a cumprimentar. Iso significaría paralizar moitos asuntos precisamente nun ano no que para salvar a crise, a economía ten que moverse. Fíxeno por pura responsabilidade. Non hai estratexia política.

-Aínda que está prevista na lei, a moción de confianza non é moi empregada e causou sorpresa entre a oposición.

-Entre o PP non o entendo, porque foi unha ferramenta aprobada por Aznar, para evitar que os concellos se queden sen presuposto en malas circunstancias provocando ingobernabilidade. Pero é que ademais non quedou máis remedio, porque lles dei todas as facilidades ao PP e ao BNG para que elaborasen o presuposto conxuntamente con nós, como se fixo o ano anterior. Pero non quixeron.

-¿Pensa que trataban de obstruír ao goberno?

-Non me queda outra. Entregámoslles as partidas presupostarias por capítulos cos correspondentes ingresos, e díxenlles: tomade as cifras e facede o presuposto que vós queirades, e logo falamos. De acordo co interventor e seguindo o que marca a lei, dei orden de que os funcionarios lles facilitasen toda a información necesaria para que fixesen a súa proposta. Pois nin así. O PP nin sequera o traballou; son nove persoas e tivemos a sensación de que nin miraran as partidas. Pero en último caso, se a súa intención era non participar e exercer a fiscalización durante o próximo ano, tiñan a posibilidade de absterse e permitir que aprobásemos un presuposto. Pero nin iso. Así que non houbo máis remedio. Menos mal que agora o BNG rectificou, segundo parece.

-¿Tivo o apoio do partido?

-Claro, consulteino con Ricardo Varela, con Mar Barcón... e todos me apoiaron.

-Parece que unha vez resolto o presuposto, quédalle resolver o convenio de asuntos sociais con Quintana.

-Se deixa participar ao Concello no consorcio, tal como marca o artigo oitavo, non hai problema. Teño unha reunión con Quintana esta semana, e xa sabe que quero saber, por exemplo, como se elixen os profesores das garderías, ou como se establecen os currículos. Nada máis.