«Debemos facer verdadeiros equilibrios, damos moitos servizos e temos poucos ingresos»

I.?E.

GALICIA

08 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O rexedor mindoniense non adiantaba onte unha data concreta para pagar as nóminas, indicando que en canto lles ingresen as axudas pendentes en distintos organismos se abonarán; dalgunha destas axudas, coma a do Grumir, dixo que lle confirmaran que estaba a punto de chegar.

-¿Onde se orixina o problema?

-O problema é que damos moitos servizos e temos moito persoal para os ingresos que entran. O Estado dá por mes 60.000 euros e para un concello pequeno, como o de Mondoñedo, con 4.500 habitantes, estamos dando servizos como se tiveramos dez mil habitantes. Mantemos unha policía local con tres axentes máis un auxiliar (outros non teñen esa plantilla), o auditorio que temos, e unha poboación de moita idade, que precisa un servizo de axuda no fogar.

-Xa tiveran problema para pagar a Sogama.

-E témolos; fixemos un plan de pago porque nos ameazaban con deixar de recollernos o lixo. Quedaramos en pagar unha parte do atrasado e o do mes, pero a este non puidemos facerlle fronte, xa falei con eles. As empresas que nos surten están ameazando con cortarnos o subministro... están chamándonos constantemente. Isto veuse arrastrando e temos que facerlle fronte. Hai que dicir que esta situación xa pasou noutros gobernos, de forma puntual. E hai uns determinados cartos, para cousas concretas, que non se poden tocar porque veñen destinados para iso.

-Pero o PP acúsaos de aumentar a partida de gastos de persoal sen xeito.

-É certo que aumentamos 300.000 euros nos últimos presupostos, pero é polo IRPF, que é o legal, e subimos os niveis dalgúns. Somos un goberno progresista e estamos de acordo en subir. Tamén se retrasou o PP noutros gobernos, son feitos puntuais. Como alcalde e como persoa me preocupa a situación dos obreiros, a min e a todo o goberno municipal.