«Volvería gobernar en minoría; é o que quixo o pobo e estou satisfeito»

GALICIA

O rexedor lucense, que sorprendeu e incomodou a unha parte da cúpula socialista por non pactar co BNG, aproba os orzamentos co PP e quere volver ser candidato

03 feb 2008 . Actualizado a las 02:16 h.

LUGO | Xosé Clemente López Orozco (Foz, Lugo, 1947) é alcalde socialista do Concello de Lugo dende 1999. Os catro primeiros anos gobernou coligado co BNG. No 2003 conseguiu a maioría absoluta, pero en maio do 2007 quedou ás portas dela con 12 concelleiros dun total de 25. Contra todo prognóstico e incluso contra a vontade inicial do presidente da Xunta, despois de numerosas negociacións co BNG, formou goberno en minoría. Recentemente sacou adiante os primeiros orzamentos deste mandato negociando con PP.

-¿Está satisfeito de gobernar en minoría sen o BNG?

-Si, estou moi satisfeito. Polo que levo de experiencia (nove meses) volvería facelo agora mesmo. Ademais, foi o que quixo o pobo de Lugo.

-Paco Vázquez dixo que vostede era un exemplo...

-Creo que foi un exceso, porque Paco quéreme moito.

-Non dixo o mesmo Touriño. ¿Será que vostede lle causou moitos problemas por non aceptar a orde de pactar?

-En absoluto; o presidente da Xunta sabe que son leal á cidade, ao Goberno da Xunta e tamén á súa persoa.

-¿Cando terá Lugo o AVE?

-A miña esperanza está confirmada polas palabras da ministra, «cando entre en Galicia, tamén entrará en Lugo». E xa está cerca de Galicia porque chega a Valladolid. E quedan catro anos -nos que hai que traballar e explicar ben as cousas- para que chegue a Ourense e salve as grandes dificultades orográficas.

-¿No se merecía logo a reprobación a ministra de Fomento, nin sequera polo trato que está dando a Galicia?

-Nin moito menos. Están feitos todos os proxectos da autovía Lugo-Santiago agás un; e en licitación dous tramos, que tamén se corresponden coa autovía Lugo-Ourense. A nova ponte de Lugo sobre o Miño xa está en fase de contratación o proxecto. En canto ás travesías de Lugo: están feitas todas co novo convenio agás a avenida de Madrid, que é cuestión de días. O desdobramento da Campiña xa está feito, e o de Nadela, moi adiantado. Na autovía do Cantábrico, algúns tramos xa están abertos e case todos en construción, agás un en licitación. O porto exterior da Coruña está en obras, e ao de Ferrol quédanlle os accesos. Estase a traballar no tren de alta velocidade: o outro día licitouse Padrón-Rianxo por 110 millóns de euros, o proxecto Lubián-Ourense... e habería que contar outros méritos como a peaxe de Rande quitada... Coido que é un bo comportamento con Galicia.

-En Lugo quéixanse os empresarios seriamente do retraso que acumula a nova zona de expansión empresarial, As Gándaras.

-Houbo certo retraso coas negociacións co ministerio. Agora está xa cos procesos administrativos e queda menos.

-¿Continuará avanzando a peonalización do casco histórico de Lugo?

-Claro, xa vai como hipótese de traballo no plan Urban. E incluso prevese unha modificación do actual decreto para ser máis restritivo co tráfico no casco histórico. Haberá unhas horas nas que probablemente non se poderá entrar no casco histórico con vehículos a facer reparto, por exemplo.

-O que hoxe é o alcalde mellor valorado de Galicia nas enquisas, ¿qué faría co Gaiás?

-Agora hai que peitar co feito. Comprendo ao Goberno de Galicia. Habería que convertelo en algo útil para o conxunto de Galicia: podería albergar o arquivo do Reino de Galicia, a biblioteca de Galicia... pero non é doado. E o máis difícil: manter ese custo tan elevado.