«Para Galicia é fundamental que haxa voos directos con Europa»

Cristóbal Ramírez

GALICIA

No balance aos dous anos no cargo, Lois González defende a protección da costa e que Santiago non é un parque temático

03 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

«Sen facer moito ruído, neste tempo nós fomos cambiando totalmente un modelo de xestión que xa estaba esgotado». Así comeza a entrevista Rubén Lois González, xusto dous anos despois de ser nomeado director xeral de Turismo. O pasado venres presentaba, xunto co conselleiro de Innovación, Fernando Blanco (departamento ao que está adscrito Turismo), un informe que apuntaba que o número de turistas que chegaron a Galicia ata o mes de agosto se incrementou nun 8,6% con relación ao mesmo período do 2006. Lois defende que para Galicia é «fundamental que haxa voos directos con Europa».

-As cifras que difundiron o pasado venres, con case catro millóns de turistas no que vai do 2007, non son malas, pero o euríbor segue para arriba.

-A subida das hipotecas condiciona, evidentemente, pero o certo é que os cartos que a xente ten no peto para gastar se incrementaron moito nos últimos anos.

-¿Teremos que baixar os prezos?

-Ante a competencia descarnada no sector, hai algunhas baixadas razoables, pero doutras somos escépticos.

-Nesta época da sobreinformación, ¿segue a ser importante a promoción turística?

-Moitísimo. A proba é que nós apostamos pola promoción e non por facer unhas infraestruturas máis chamativas. O importante, cando chegamos aquí, era promocionar. Que machaconamente Santiago, as cidades, o noso turismo rural, etcétera, estean presentes e se coñezan nos mercados emisores máis importantes, tanto peninsulares como europeos.

-A costa vai ser destrozada con plantas de acuicultura como a proxectada a carón de Corrubedo.

-Eu non coñezo de primeira man como se levan a cabo os procesos de concesións como o que me fala, pero non se pode negar que, desde o punto de vista urbanístico, esta Xunta empezou a frear a especulación.

-Pero a este paso imos quedar sen costa virxe.

-Non, iso non sucederá. Vai haber grandes espazos para o turismo. Vaise conservar a Costa da Morte, unha gran parte da Mariña lucense, todo Ortegal e logo moitos recunchos. ¿Hai agresións? Si, pero se frearon e se abriu un debate, e iso é moi importante.

-¿Non fracasan, como todos, na desestacionalización?

-Non, para nada. Nestes dous anos fixemos acordos concretos, e que deron moi bos resultados, con Sanxenxo, coa Coruña, algo en Santiago, no Val Miñor...

-¿Que son «bos resultados» para vostede?

-Pois nalgúns casos crecementos do 10% en inverno. Repítolle: en inverno.

-¿Defende os «low cost»?

-Eu o que defendo é que os voos custen pouco. Mire, para Galicia elle fundamental que haxa voos directos aos centros emisores de Europa, sen escalas, porque así hai moita xente que se anima a pasar unha fin de semana connosco. Se hai unha escala xa non é así, veñen moitos menos porque é máis incómodo e se tarda más.

-Hai casas de turismo rural que pechan e outras que están afogadas. ¿Tocouse teito?

-Non se tocou teito, non, o turismo rural ten moito que medrar. Pero é un fenómeno máis complexo do que se nos fixo crer. Home, é bo que non siga medrando en número de establecementos ao ritmo que o facía, si, iso é certo. Agora hai que crear destinos, porque a xente non compra billetes ou cuartos, pensa en destinos e compra destinos, e os donos das casas de turismo rural terán que facer produto coas empresas da oferta complementaria.

-¿Cando virá xente a Galicia só pola gastronomía, como sucede no País Vasco?

-¡É que xa empeza! Desde sempre, o visitante podía chegarse aquí por outras cousas, pero nunca perdoou xantar en Galicia porque en todas partes se sabe que en Galicia se xanta ben desde un punto de vista, digamos, clásico (mariscada, chuletón...). Iso mantense, pero xa empezamos a ver clientes en tal ou cal restaurante só por estar aí, neste local concreto que ten sona. Así que xa non é tan só a mariscada, senón tamén unha nova cociña, da que contamos cunha boa representación. A gastronomía sempre xera desprazamentos.

-¿Non teñen descoidado o Xacobeo 2010?

-O 2010 xa se está organizando. Primeiro demos un gran impulso á promoción internacional, e agora estamos traballando en procurar un equilibro entre a chegada de turistas e os niveis de calidade que temos que ofrecer, planificando con outras institucións como a Igrexa e os concellos. Non queremos que se xere unha imaxe de saturación.

-Desde fóra dá a impresión de que van lentos.

-Procuramos sempre chegar a acordos por consenso, e por iso imos a modo.

-E para rematar: ¿Santiago é un parque temático?

-Non é malo que se diga, pero non. Sen dúbida algunha, Santiago non é Port Aventura.