«Estou nunha estraña calma»

NACHO MIRÁS FOLE, nacho.miras@lavoz.es

GALICIA

Leva dentro un deportista escondido; foi conselleiro en dúas etapas; e cre que hai que ter máis peito no mar que na política

25 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Un pode ser leal a unha orquestra aínda que faga un só que non está na partitura. Enrique César López Veiga (A Coruña, 1947), deputado e ex conselleiro, di o que pensa, sen ataduras. E iso, hoxe, non ten pouco mérito. -Por se fóra pouco Enrique, tamén é César... -Polos avós, un Enrique e o outro César. Moi imperial. -Alá vai o 2005. Que Deus o deixe ir ¿ou?... -Foi moi complexo, si, houbo que afrontar unhas eleccións, unhas preeleccións e, para min, unhas preeleccións ao PP. Agora estou nunha estraña calma, un pouco balsámica. ¡Pero houbo anos máis complicados! [Ri]. -¿Que vai ser do PP despois de Fraga? -Será distinto. Temos que ter o acerto de darlle a orientación que nos faga sintonizar coa maioría do electorado, é o gran reto. Entendo que o partido ten que ir a unha postura moito máis cara ao centro, non digo á esquerda, pero rozando cos límites da esquerda e nunha liña moi liberal. Espírito aberto e fuxir destas sociedades tuteladas. -¿Estase mellor na oposición? Non ten mala cara... -[Risotada] A nivel persoal si, a vida é máis tranquila, non tes a responsabilidade. Eu sempre dicía que a púrpura pesa moito e, se non pesa, é mal asunto. -¿Levou codazos dentro do partido? -Codazos non os teño sentido, igual os houbo. Quizais porque a miña consellería era complicada, moi técnica. Iso ponche en desventaxa para estar no que é o centro da vida política, porque tes que dedicarlle atención a problemas moi específicos e non podes estar dentro da maquinaria do partido, cousa que outras consellerías si permiten. Agora, como en toda organización, hai xente de todo tipo. -Gañar tempo para un non ten prezo... -Gañei tempo para min e para a miña familia, a miña muller, os meus catro fillos e o meu neto. -Non me diga... ¡Enrique César, como o avó! -Pois non, chámase Omar. -Vaia... Acláreme: Vostede naceu na Coruña, pero é de Gondomar.... -Sempre vivín alí, exactamente en Vincios. -¡Como Leonardo, Leonardo de Vincios! -[Ri] Teño a casa alí e non cambiei nunca. Se vas, non preguntes pola casa de Enrique ou do que foi conselleiro. Pregunta pola casa da holandesa. -¿E logo? -Pola miña muller, que é holandesa. Pero nacín na Coruña, si, no monte de Santa Margarita. ¡Bravú puro! Aínda que os meus antepasados veñen de Mondoñedo e Carballo. Son un galego universal. -E un experto en pesca, ¿pesca? -O meu pai era nadador de competición, foi o que me levou á praia e, da praia, ao buceo. Comecei a facer pesca submarina ben novo. -¿Con bombonas? -¡A pulmón! -¿Xa non bucea? -Deixeino un pouquiño antes do Prestige. E a partir de aí non volvín. -Xa, igual os fondos están escuros, unha mágoa... -¡Os fondos están estupendos! Para atopar chapapote no fondo hai que levar unhas gafas de moitos aumentos [ri outra vez]. -¿Hai unha historia detrás desa barba? -Non sei, é a miña [ri]. Lévoa desde hai 37 anos menos o ano de mili. ¡A miña muller non me coñece sen ela! -¿Un pouco Papá Noel? -O último verán, nun aeroporto, un neno díxome: «¡Oye! ¡Tú pareces Papá Noel!». «¡Es que soy Papá Noel!», respondinlle. Pero non as tiña todas con el e espetoume: «¡No, que él va de rojo!». E espeteille: «¡Eso es en invierno, ahora estoy de vacaciones!». O neno saliu escopeteado, como nos debuxos animados. -¿É certo que funde e pinta soldadiños de chumbo? -E tamén fago barcos. Antes de ser conselleiro facía moita bicicleta e tamén fixen taekwondo. A ver se retomo agora a bici, se non morro dun infarto. -Quite, quite. ¿E onde hai que ter máis peito para bucear, no mar ou na política? -[Pensa e ri] ¡No mar! -En confianza, ¿É verdade que lle mandaron ao móbil unha mensaxe pedindo apoios para Rodríguez Feijoo? -Unha non, ¡cinco! [Ri e mostra as mensaxes na pantalla do teléfono]. -Botámolo en falta o outro día no partido de fútbol entre deputados... -¡E que non estou aliniado! [morremos da risa os dous].