«Asubían de Madrid, e Galicia enteira empeza a mover o rabo»

Montse Carneiro (montse.carneiro@lavoz.es)

GALICIA

XURXO LOBATO

O chairego pide que se cumpra a lei de normalización e, lembrando a Novoneyra, di que «somos unha argola da cadea e temos a obriga de ensinar aos galegos que veñen detrás»

16 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O humor vai a ritmo hendecasílabo e sendo Manuel María un chairego de parsimonia, asuntos coma o xenio de Josefina Castelao -«era unha redicha, cursi e trosmeira, tanto que cando ela morreu, a súa irmá Teresa, que sempre estaba moi calada, recuperou a súa personalidade e resultou unha muller encantadora»- rebentan na voz do poeta alumados con faíscas de picardía. Asuntos coma o de Luís Pimentel -«íamos merendar á súa casa, pero aquilo non era nada... el ceaba unha vieira...»-, ou coma o do seu pai, alcalde, presidindo plenos na cociña familiar: «Viñan os 22 concelleiros e entón matábamos doce porcos, que eran 24 lacóns e doce cachuchas, porque eran moitos dentes do noso señor. O meu pai pluralizaba sempre: 'Debemos acordar', 'debemos facer'... E os outros dicían que si». Hai que preguntarlle pola lingua para oír falar ao Manuel María destemido. -Ata hai ben pouco, a Real Academia Galega estaba clasificada como unha entidade benéfica dependente do Ministerio de Cultura. Iso xa di bastante da situación do país. Coa presión de fóra e co domesticada que está a nosa xente, asubían de Madrid e Galicia enteira empeza a mover o rabo. Pero aquí hai unha lei de normalización que hai que cumprir: que o galego se use na Administración a todos os niveis, que se busque o xeito de darlle prestixio social, coma o catalán. O idioma é o que nos define. Paco Vázquez, por moi antigalego que sexa, non ten o acento de Zapatero, ¿non? Como dicía Novoneyra, somos unha argola da cadea e temos a obriga de ensinarllelo aos que veñen detrás. -¿Ensináronllo a vostede? -Eu pertenzo a unha familia galegofalante de sempre, de subcaciques, seguros servidores do cacique provincial, alí en Outeiro de Rei. -¿Quen era o cacique? -Toda a provincia de Lugo era de Pepe Benito, un home de tal categoría que cando veu Cambó a Lugo quixo coñecelo, e Azaña tamén. Houbera un lío tremendo nas Cortes do que quedou a frase célebre do conde de Romanones: «Esto no lo arregla ni Pepe Benito». Outeiro daquela era totalmente unilingüe. -¿De onde lle vén a conciencia de país? -Do 49, cando leo Sempre en Galiza, que mo pasa Ramón Piñeiro, e a pouco máis morro do susto. Eu ía coa miña curmá Carmiña a Rianxo para ver ás irmáns de Castelao, e pensaba que el era.. bueno, un republicano exilado que andara na tuna co meu curmán, facendo caricaturas... así, chistoso. -¿E por que di que vostede non é poeta? -Eu digo que escribo versos, o que non sei é se son poesía ou non. A min paréceme que a teño rozado, pero non sei. Hai un poema de Pimentel que di que a poesía é o gran milagre do mundo, e eu creo que é así. O tempo vai depurando todo e di que poetas hai pouquísimos, versificadores bastantes e versicidas, xa... -Será paisaxista, logo. -Se cadra si. A paisaxe é o mais fermoso, algo realmente asombroso, o gran colo da nai. A min das paisaxes de Galicia as que máis me gustan son con diferenza a da Terra Chá e a do Ribeiro. De non ser da Terra Chá a min gustaríame ser do Ribeiro. -¿E que máis? -Nada, seguir vivindo ao lado de Saleta. Aquí estase moi ben. Sempre conto aquilo do cura que estaba despachando a un, dándolle a extremaunción, «alma, sal de este mundo...», e o paisano, que oía moi atento, dixo: «Alma, non fagas caso de contos e, polo de agora, déixate estar onde estás». Eu son deses.