«Agora non quero facer máis tíos trillados e amargados»

GALICIA

XURXO LOBATO

Entrevista | Luís Tosar Nominado para o Goya ao mellor actor por «Te doy mis ojos», de Icíar Bollaín, o actor lugués defende a necesidade do cine social no «aparente estado de benestar»

15 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Tosar cita na cafetería dunha estación de autobuses. Mira con intensidade case insoportable, ri moito e bebe café, sobrado de humildade e compromiso co mundo. -Xa ingresou no Clube de Actores con Lunar na Cara, presidido por Robert de Niro, ¿pésalle o físico? -Non, pero teño claro que agora non quero facer persoaxes como as últimas, de tíos trillados e amargados. -¿E que hai entre Icíar Bollaín e vostede? -Ha, ha, un amor imposible. Eu teño unha teoría: ela tamén é un artista anarquista, ten unha formación coma a miña, aprendendo sobre a marcha. É algo difícil de explicar, iso de non ter que falar na rodaxe durante horas, de saber por onde vai tirar... Iso. -¿Como desembarca en Madrid un actor galego, tan falto de escola? -Aquí hai pouca formación, pero os procesos levan a un mesmo obxectivo. -¿Cal? -Ser honesto coa persoaxe que estás levantando, chegar ao máximo posible. Nunca nos paramos a pensar canto hai de decencia na actuación do actor respecto á persoaxe, porque podes non facelo así e funciona igual. A tensión de se vai saír, se a inversión que estás facendo continuamente leva a algún lado, é tremenda... Érgueste pola mañá desexando que remate o día canto antes. -¿E por que compensa? -Porque cortan, e notas que debeu saír, que chegaches a algún lado, sexa bo ou malo. E hai unha sensación corporal, física, asociada a todo iso. -¿O de vivir moitas vidas fainos envellecer antes? -Eu cría que non, pero si. Son procesos acelerados. Para ben e para mal, podes saír máis triste, pero mirando o mundo desde outro sitio. -España ríndese diante do cine social, ¿non hai ganas de rir ou que? -Non hai un estado de crise tan flagrante que a xente só desexe evasión. Hai un aparente estado de benestar e, no fondo, malestar e rabia. Este cine pretende buscar luz, explicar os porqués, que nadie os explica... Son procesos. Agora toca ser combativos. -¿Porque as liberdades están en retroceso? -E pola propia autocensura. Escoitas á xente dicir: «Non fales diso, non vaia ser...». A mín desconcértame. Aos políticos dalles igual. Fraga invítame a actos sabendo que non son dos seus. Eu nunca o invitaría a el a unha estrea. -¿Como se ve Galicia desde fóra? -Teño un rebumbio considerable na cabeza, pero noto máis o auténtico que hai aquí. Fáltanos orgullo, pero temos o rollo de admitir o que somos. Noutros sitios a xente crese moi especial. Nos nón, somos labregos, aínda non temos cultura urbana, pero estamos nunha viaxe, que durará, seguro, pero chegará a algún sitio. Luís Tosar fala dos «executivos e ricos de Cataluña falando sempre catalán», da Transición, da afrenta individiual do Prestige, a perda de humanidade dos políticos e dun ano, este que pasou, no que viviu dos mellores e peores momentos da súa vida. -¿O mellor? -O día da manifa de Nunca Máis en Madrid. Eu levaba alí seis meses. A Porta do Sol chea de galegos cantando Miña terra galega, dando botes... Unha festa. Os de Madrid flipaban, estáis locos, e nós: non, a nós non nos dá por queimar papeleiras, nós somos así. A Tosar gústalle xuntarse a comer cos colegas, gústanlle Stephen Frears, Meryl Streep, Borau, «facer a mona» e unha casa vella ás beiras do Miño pola chaira de Xustás.