Daniel Hermosilla, CEO de Rodiñas: «Galicia ten un ramallete de empresas que traballan igual en Toquio ou en Moscova»

Sofía Vázquez
Sofía Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

LA GALICIA ECONÓMICA

MARCOS MÍGUEZ

O directivo di que na comunidade estanse a deseñar proxectos ambiciosos

24 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Daniel Hermosilla Hermida, CEO de Rodiñas, unha empresa de referencia se falamos do sector do formigón, é fillo da emigración e, por todo o sacrificio que fixeron seus pais, entende que os galegos temos que defender os nosos intereses e temos que traballar. Cre que hai que «ir enterrando eses mitos de que os galegos somos demasiado desconfiados».

-Hai unha xeración que xa non está niso. Eu chamo a porta fría en moitas empresas e ninguén se estraña. Enténdenme e aténdenme. Temos que buscar un punto de encontro, e se esta filosofía impregna en varias xeracións temos capacidade para crear empresas complexas e con valor. Se non, tampouco hai alternativa. A sociedade cando se beneficia é cando opera transversalmente. Os galegos temos que entendernos e así afrontaremos os enormes retos. Galicia ten un potencial enorme.

[A cabeza deste directivo, de formación aparellador especializado no cálculo estrutural do formigón, non deixa de traballar. Impórtanlle os temas de microeconomía e tamén os de macro. Antes de comezar a entrevista parece que será un home de poucas palabras. Todo o contrario].

-Dime que o formigón que fabrican en Rodiñas ten un compoñente tecnolóxico avanzado e controis exhaustivos. Con requisitos de resistencia, durabilidade. O formigón aguanta? Teño que estar tranquila cando paso por unha ponte?

-Si, claro. Pero as infraestruturas que xa teñen anos, se se abandonan o seu mantemento, acábanse deteriorando. O formigón é quizais o elemento construtivo con maior durabilidade. En canto a garantías, tenas todas. As infraestruturas que fixo Italia nos anos sesenta, con formigón que non tiñan as tecnoloxías tan avanzadas, non teñen nada que ver coas que se fixeron en España nos anos noventa.

-Canto aguanta un metro cadrado de formigón? Cantos quilos? Pode dicirse así?

-Nos cálculos nós utilizamos un parámetro que é resistencia característica. A compresión é unha resistencia que se utiliza para extrapolar as demais comprobacións. Hai unha marxe enorme. O mínimo que se pide nas obras, na normativa española, son 250 quilos por centímetro cadrado. Nas fábricas de prefabricado traballamos a 500-550. Incluso podemos facer formigóns de alta resistencia de 1.000 o 1.500 quilos por centímetro cadrado. Isto é unha ciencia complexa.

-O grupo Rodiñas pasou por moitas dificultades nos últimos anos. Morreu por mor da crise do 2008 e renaceu con moito esforzo por parte de todos. Ten futuro?

-A empresa ten futuro. A construción estase transformando a unha velocidade tremenda. Absorbe moita man de obra. Ás veces pouco cualificada e ás veces os traballadores son artesáns moi cualificados cunha formación específica que só se aprendía nas obras. A anterior crise paralizou o sector dez anos e fixo que todos estes profesionais desapareceran. Rompeuse a roda de formación. Ese é hoxe un problema terrible. Xúntase co problema demográfico. A pouca xente nova que hai non escolle a construción como primeira opción laboral. Como segue habendo necesidade de construír, hai que facelo sen contar con este persoal e aí entramos as industrias de prefabricado. Que podemos construír con outros métodos e con moito menos persoal. É un cambio que nos países nórdicos tiveron antes. A construción non pode ser unha actividade de baixa produtividade, ten que ser moito máis industrializada, máis tecnificada, cunha carga de persoal cualificado moito maior, onde se eliminen as labores máis desagradables. É un cambio irremediable, pero saudable e necesario.

-Di que este cambio empezou a notarse en Galicia antes que noutros sitios?

-Si, e pode ser unha oportunidade. Aquí hai unha biodiversidade de empresas transformadoras de industrias (neste caso, da construción) moi interesante. Nisto tiveron moito que ver empresas como Inditex. Estas grandes compañías permitiron que un montón de empresas de sectores que transforman a madeira, o metal ou o vidro puideran capitalizarse en maquinaria de última tecnoloxía, contratar persoas de talento e cambiar a mentalidade -creo que é histórico- a un nivel de esixencia altísimo, do que xa non baixan. Empezaron a entender que o mercado é o mundo enteiro. Non creo que en ningún sitio de Europa encontremos o ramallete de empresas que hai en Galicia, que igual poden traballar en Toquio, en Moscova ou nos Ánxeles. Para eles é algo natural. Se isto o sabemos aproveitar e artellar pode ser un dos grandes activos de Galicia. Estas empresas que empezaron sendo pequenas agora teñen un gran porte. Queda unha labor pendente: o máis interesante será cando os vínculos entre estas empresas sexan horizontais e se poña en contacto o que fai o aluminio co que fai o formigón. Entón poderemos desenvolver produtos máis complexos, con máis valor engadido, e poderemos ir a mercados aos que por nós sós non poderiamos ir.

-É outra visión de Galicia.

-As crises de grandes compañías dependentes, por exemplo, da enerxía, non nos deixan ver o nacemento doutras como estas que describo, que non son tan fáciles de deslocalizar. Teñen o talento aquí, teñen aquí unha rede de provedores e incluso, se somos capaces de dar un paso máis alá e vinculalas coa rede de laboratorios que hai e coas universidades... podemos convertelas nun dos grandes creadores de riqueza en Galicia. Os grandes transformadores de aluminio de Europa son todos galegos. E entre os mellores montadores de fachadas lixeiras de Europa están varias empresas galegas. Naceron de talleres pequenos e hoxe están levantando rañaceos de primeiro nivel. Iso non é colocar unhas ventás, senón controlar unha tecnoloxía de gran complexidade loxística. Competir con países como Francia e Alemaña paréceme extraordinario. Temos que aproveitar que eles xa foron polos camiños mundiais e pódennos axudar aos demais.

Portugal, un espazo natural e estratéxico para a compañía

Daniel Hermosilla recoñece que o formigón viaxa mal, pero subliña que non todas as obras son iguais. Están montando en Aragón unha nave para unha multinacional. A obra é complexa e aí, na viaxe do formigón, inflúen factores como o deseño e a carga de enxeñaría onde as pezas teñen valor.

-Onde están executando obras?

-O noso mercado natural é Galicia e o norte de Portugal, e despois os arredores: Asturias, Castela e León e, excepcionalmente, podemos ir ao País Vasco ou a Aragón. O norte de Portugal para nós é fundamental. O nivel de especialización dunha empresa ou dunha economía en xeral depende do tamaño do mercado. Entre o norte de Portugal e nós podemos xuntar uns dez millóns de habitantes. É unha zona moi industrializada e con demanda de grandes centros loxísticos e industriais. Temos alí unha delegación. Xente portuguesa traballando con nós. Dispoñemos dunha fábrica en Teo, na que producimos elementos estándares, e outra en Teixeiro, na que fabricamos os elementos de maior tamaño, de gran porte, e nela temos capacidade de crecemento. Temos tamén unha oficina técnica no Porriño.

-Están presentes en toda Galicia...

-Eu son dos que cre en Galicia como cidade única, a gran cidade atlántica. Temos xente da Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense... E esa é a gran vantaxe de captar talento de varias cidades á vez.

-Fixeron ERTE?

-Non. O sector é de moita inercia. Parar un proxecto industrial ten un custe enorme para os seus promotores. Todos os proxectos seguiron en marcha e nós, polo de agora, temos traballo. Na oficina estamos traballando proxectos a seis meses e a un ano vista. A miña preocupación será cal será a velocidade de contratación que van ter eses grandes proxectos. Que hai grandes proxectos en marcha en Galicia na área industrial, comercial, loxística. Espero que a xente siga adiante. Se parase a industria en cascada, sería unha desfeita.

Daniel Hermosilla Hermida é optimista co futuro de Galicia, porque os galegos «teñen unha forma de pensar as cousas que non lles impiden chegar a acordos». «Co que temos podemos saír adiante e crear un lugar habitable onde desenvolver todo tipo de expectativas persoais e profesionais», di.