Eusebio Rey Cachafeiro: «Estamos fartos da xente que vende fume. Buscamos o rigor científico»

Sofía Vázquez
sofía vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

LA GALICIA ECONÓMICA

M.MORALEJO

A compañía de Porriño fixo en Galicia o solo máis plano do mundo

05 sep 2020 . Actualizado a las 18:10 h.

Eusebio Rey Cachafeiro (Forcarei, 17 de agosto de 1946), director xeral de Prosistemas, empresa que fai os solos máis planos do mundo. (La Voz de Galicia, 2 de febreiro del 2019)

-Xa ves que son moi maior!

-Aparenta dez anos menos.

-Moitas grazas. Es moi amable, pero en fin... son un entusiasta da medicina natural e procuro coidarme. Non fumo nin bebo. Levo coa medicina natural dende 2009. Foi a raíz dunha entrevista a Darío Acuña Castroviejo, que é unha autoridade mundial na investigación da melatonina.

-É para durmir.

-Iso é o que sabemos todos, pero o investigador leva 40 anos demostrando que ten moitísimas más aplicacións. Descubrín un médico nas Antillas, Jhon Croes, que explicou nunha entrevista as súas propiedades e quedas abraiado.

-Tómaa todos os días?

-Dende o 2009. Un día dixen: eu non son máis parvo que o doutor. Si el a toma, eu tamén. Coa combinación de melatonina e o triptófano, que descansas perfectamente, Broes e Castroviejo cren que se poden previr demencias, alzhéimer... E dende logo, cando fago analíticas me din que están excelentes. Non sei si é diso ou de que teño unha boa xenética, claro. Sen descualificar para nada a medicina tradicional, que a necesitamos todos, creo que a natural tamén pode resolver situacións.

-Con 74 anos pensa xubilarse?

-De momento, non. [Xorde o tema da sucesión na compañía] Estou niso [na sucesión], e ten moito que ver coa pregunta que me fas. Esta empresa é o esforzo de moitos anos e vale a pena que teña continuidade. Nós procuramos ter nivel e estar aí como vangardistas, investigando, innovando.

-Como vai a solucionar o tema da sucesión? Vendendo a empresa, incorporando a algún directivo ou familiar?

-Non me gustaría a primeira opción. É mellor a outra posibilidade. Esta é unha empresa familiar e sempre nos gustará máis que teña unha continuidade.

-O seu fillo pode ser o sucesor?

-Estase formando, e si, pode selo con axuda doutras persoas.

-[Cambiamos de tema e explica que a facturación e o persoal de Prosistemas pode flutuar en función dos proxectos de GOA Invest, a construtora do grupo de Inditex). Obras como os 255.000 metros cadrados (40 campos de fútbol) que construímos en Guadalaxara, non as hai todos os días.

-E sempre con altaplanimetría, ese concepto que define vostede coma de ciencia ficción?

-Así é. Merécenos moito respecto. Porque para garantir a almacenaxe en altura, as empresas esixen máis e máis planimetría. E nós traballamos con formigón, un material que é un iogur e que cando fragua se pon resistente. Temos que ter en conta que ten deformacións físico-químicas. Resulta moi difícil conseguir ese grao de planimetría que nos piden.

-Por que son importantes os solos tan planos nas industrias?

-Increméntase a produtividade [as elevadoras circulan a máis velocidade, por exemplo], optimízanse os recursos, prodúcese máis con menos xente e increméntase en seguridade. Se ti estás paletizando a 18 metros de altura, esas máquinas por seguridade e rapidez de movementos necesitan un solo plano. Ademais canto máis brillante e clariño sexa o pavimento, tamén se incrementa o aforro enerxético.

-Entre os clientes tamén están...

-Ikea (desde el 2009), Leroy Merlin, Aki Bricolage, Ybarra, El Corte Inglés, Irzar (xigante na fabricación de autobuses), Mayoral, Lidl, Primark...

-Vostede sábeo todo sobre o formigón.

-Xa me gustaría! Investigamos moito, iso si. Creo que somos pioneiros a nivel europeo e mundial. Estamos utilizando a tecnoloxía que existe a nivel mundial. Por exemplo, introducimos sensores no formigón fresco para saber o que está pasando dentro da masa. O formigón endurécese durante anos, e ten uns cambios físico-químicos durante anos. É un material moi complicado de controlar. Nós introducimos sensores que nos van dar humidades, madureces, resistencias... Os que hai no mercado non nos facilitan toda a información que queremos. Por iso a nivel interno estamos a traballar para que estes equipos nos dean máis información baseándonos na nosa experiencia. Aplicaremos algoritmos a información que temos almacenada. Temos que desenvolver uns sensores que vaian máis aló do que se manexa a nivel mundial.

-Eses sensores quedan dentro do formigón?

-Si, e a través dunha aplicación ao teléfono móbil podemos compartir a tempo real co cliente e coa enxeñería que leva o proxecto e a dirección de obra o que está pasando dentro do formigón.

-Que busca coa súa investigación sobre este material?

-Mellorar o comportamento do formigón. No proceso de endurecemento perde masa volumétrica. Ten retraccións. É un sumatorio de retraccións. Tamén están os cambios da física. Se coñeces o formigón, vas a ser capaz de minimizar estes fenómenos e conseguirás que sexa, por exemplo, menos aleatorio o cambio volumétrico, para que sexan máis compactos, impermeables e teñan máis vida útil.

-Déronlle catro premios mundiais (Golden Trowel), coa norma mais esixente (ASTM), por facer solos perfectos tanto por planos como pola súa nivelación [levántase da cadeira e explica fisicamente que unha mesa pode ser plana pero pode estar inclinada]. A plataforma loxística de Inditex en A Laracha ten o chan máis plano do mundo?

-Si. Fixemos moitísimo en pouco tempo. Ten 125.000 metros cadrados e os fixemos en tres meses. O formigón viña dunha planta de Carballo, de López Cao; O cemento chegaba por mar dende Asturias e foi fabricado expresamente para esta planta. Despois de moitos estudos, empezamos a fabricar o formigón a gran escala. Todo un reto.

-[Ao final da entrevista resume a súa visión do traballo] Non nos gusta o fume. Gústanos o rigor científico. Baixo ningún concepto queremos vender fume. Estamos fartos da xente que vende fume. Non che achega nada, vanche intentar enganar, vender cousas que non son certas. Todos aprendemos de todo, pero sobre todo do que che sae mal.

O enxeñeiro andaba de neno catro quilómetros polo monte para ir ao cole

Rey Cachafeiro é enxeñeiro, título que obtivo na escola de Vigo. Pero a súa infancia, en canto a estudos se refire, non foi doada porque viña dunha familia humilde. Os pais dedicábanse a labranza e «axudáronme economicamente ata conseguir o obxectivo». O seu pai foi canteiro, «bo canteiro». Fixo o edificio de Aduana de Vigo, a escalinata do Castro, estivo en Madrid, en Xirona...

-Quizais por iso decanteime pola construción. Cando empecei a estudar nas escolas primarias eran moi pobres. Pero eu tiven unha oportunidade: en Tomonde, no Concello de Cerdedo, había un señor que daba clases particulares. Chamábase José Carballa, un republicano que tivo dificultades para continuar a docencia, por iso daba clases na súa casa. Eu ía andando polo monte tres ou catro quilómetros ata esa escola. Carballa tiña con Cruz Gallastegui, un home do mundo do galeguismo, un proxecto agrícola. Desenvolveron o millo híbrido e eran capaces de contabilizar o que producían as galiñas a través dun sistema de aneis que tiñan nas patas. A escoala era multidisciplinar e o profesor tiña unha cabeza privilexiada para as matemáticas e o debuxo. El foi o meu mestre; enfocoume para seguir estudando.

-Que sería Prosistemas sen Inditex?

-GOA Invest permitiunos arrancar en Arteixo cunha pavimentación de 230.000 metros cadrados. Iso é impresionante. Permitiunos viaxar por todo o mundo e estar á vangarda, incorporar tecnoloxía de países máis avanzados. GOA Invest foi e segue sendo un motor moi importante do noso desenvolvemento.

-Se eu lle digo Amancio Ortega, vostede que me di?

-É un empresario, unha persoa excepcional, que tivo unha visión excepcional do negocio. É unha persoa moi próxima, moi natural. Está sempre aí, e segue estando en activo. É unha lección para todos. Nós, como galegos, temos moito que aprender del. É un faro no horizonte do mundo empresarial.

-Que lle parece a bronca que teñen con el polas doazóns que fan á medicina.

-Non ten ningún sentido. A pregunta sería: ‘Algún outro empresario fai iso?' Non, evidentemente. Con iso queda todo bastante contestado.