Jacobo Rivas, presidente e porteiro do CD Alfoz: «Fomos comer un cocido e gañamos a liga sen esperalo»

FUTBOL GALLEGO

Jacobo Rivas, no campo Municipal de Alfoz.
Jacobo Rivas, no campo Municipal de Alfoz. Xaime Ramallal

Verdibranco desde os 16 anos, debutou na directiva no 2018-19 cun incrible asalto ao título de Terceira Futgal na Fonsagrada e soña que o club, agora en postos de promoción a Primeira, acade en plenitude o medio século no 2031

02 nov 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfoz de Castrodouro rexistra algo menos de 1.500 veciños, pero pode presumir dunha tradición futbolística que xa quixeran municipios moito máis grandes. Fundado en 1981, o Club Deportivo Alfoz camiña cara o medio século de vida da man dun grupo de mozos encabezados por Jacobo Rivas Val (Alfoz de Castrodouro, 1990) como presidente. O tamén porteiro dun equipo que compite na zona nobre da Segunda Futgal vinculouse ao club verdibranco cando só era un rapaz e no 2018 deu un paso á fronte para ingresar na directiva: «Estou unido ao club desde sempre porque primeiro xogou meu irmán e viña velo, empecei a xogar con 16 anos e hai oito entrei no equipo directivo, primeiro como tesoureiro e agora son seis cursos de presidente».

«Agora dedico bastantes máis forzas á xestión que a xogar. Cada vez teño menos minutos porque quero irme apartando un pouco, coa idade cada vez é máis difícil», expresa un home ao que Javi Chinchón e Setxu só entregaron a titularidade nunha das oito primeiras xornadas dunha liga na que son segundos, en promoción de ascenso tras gañar este domingo 3-0 ao Guitiriz. «É un traballo que te reclama tódolos días. Javi e Setxu levan o deportivo, e eu encárgome de toda a xestión, organización, representación, contactos coa federación. A finais de semana hai algunha tarde completa que si a tes que botar e despois son momentos nos que pode tocar facer algunha xestión», conta. «Todos os que estamos na directiva facemos un pouco de todo, incluso ás veces me toca o mantemento do campo ou atender a cantina se non xogo», concreta. 

Do campo á directiva

Jacobo explica como «un proceso natural» o seu paso desde o campo á xestión do club. «Somos poucos no pobo e na directiva estamos un grupo de xente duns 40 anos os que máis que nos xuntamos no día a día, falamos de fútbol e das nosas cousas. É normal que os xogadores vaiamos collendo galóns dentro e fóra do campo e nos impliquemos na xestión. Tamén pasou na SD Burela ou o CD Foz», di dunha decisión tomada no 2018, nun curso que bautizaron «de rexurdimento» tras o descenso do CD Alfoz a Terceira Rexional.

«Foi unha tempada que vivimos con moita ilusión. Un grupo de amigos collemos o club coa presión de empezar de cero, sen saber, pero con moitas ganas de facer cousas e traballando máis do que se podía, e os veciños involucráronse moito», rememora dunha campaña que rematou «cun dos momentos máis bonitos» que lle deu o fútbol.

«Como xa conseguíramos o ascenso, aproveitamos o último partido na Fonsagrada para comer antes alí un cocido o equipo e máis a afección, con todo o que supón comer un cocido antes de xogar. Encima nada máis empezar expulsáronnos un xogador e íamos perdendo 1-0, pero no descanso chegounos a noticia de que o Muimenta, que era o primeiro, ía perdendo en Celeiro. Iso activou as nosas ganas de gañar, o cocido xa debera baixar un pouco, remontamos e acabamos gañando a liga sen esperalo. Ninguén contaba que se dese, foi unha festa e un final perfecto para a tempada. Fomos comer un cocido e gañamos a liga sen esperalo», revela Rivas Val. 

Un club especial

Ese enorme vínculo coa súa afección é un dos sinais de identidade que subliña o presidente e porteiro alfocense: «O Alfoz é un club especial. No seu día xa se creou como unha escisión do Valle de Oro para facer un club con máis sentimento de pobo. Está bastante unido á vila, temos bastantes socios, un tecido asociativo moi bo no Concello... A xente implícase moito e os domingos vese no campo». «Hai moitos campos nos que cando xogamos de visitantes a afección do Alfoz é maioritaria», destaca.

Sen máis incentivos económicos que «o pago do fisio e ceas para facer o club o máis familiar posible», Jacobo Rivas tamén presume dunha plantilla cun amplo sentimento de pertenza: «Temos uns dez xogadores que viven ou teñen a familia aquí e, como non temos canteira, o resto fómolos recrutando de Foz, Burela... Levamos tres anos con Javi de adestrador e un bloque que só vai tendo pequenos cambios. Tivemos uns anos de transición nos que nos custou porque foi parando toda a xente coa que subiramos a Primeira Rexional, pero pouco a pouco fomos medrando, o ano pasado xa aguantamos bastante ben na parte alta de Segunda Rexional e queremos manter ese nivel sen renunciar a nada».

«Hai moitos campos nos que xogando de visitantes a afección do Alfoz é maioritaria»

«Ten mérito a cantidade de equipos que hai na Mariña para os poucos habitantes que hai e todos os rapaces que se van estudar fóra», apunta un home que se sente «moi ben apoiado» nunha directiva renovada no pasado mes de xullo. «Eramos catro ou cinco e entraron cinco persoas máis para descargar un pouco de traballo», di

Con ese grupo se propón o obxectivo de que o CD Alfoz acade con boa saúde os 50 anos en activo no 2031: «Temos o obxectivo que nos ilusiona de chegar ao 50 aniversario. Funcionamos un pouco ano a ano, somos un concello de pouca poboación, sen base... O que pretendemos é chegar sendo un club serio, non saíndo se non se alcanzan uns mínimos».

O novo ciclo como presidente de Jacobo Rivas Val remataría antes dese mesmo curso tan sinalado: «Motívome un pouco no día a día. Sempre hai un plan, tratar de ver as cousas a un par de anos vistas, pero queremos seguir medrando e xerando unha estabilidade para seguir adiante máis alá deses 50 anos. Despois moitos marcharemos, no 2030 xa serán 12 anos na directiva, eu terei 40 e tamén hai que atender a outras moitas cousas, pero hai que deixar as bases ben para os que veñan».

Mentres, o CD Alfoz aspira a seguir sendo un símbolo para a vila máis alá do implacable xuízo dos goles. No 2021 festexou os seus 40 anos, no 2025 estreou un documental titulado CD Alfoz: a historia dun pobo e mira ao futuro con optimismo.