Julio César Castro, adestrador da AD Río Ouro e a SD Burela: «Hai poucos proxectos como o do Río Ouro»

FUTBOL GALLEGO

Julio César Castro loce as camisetas do Río Ouro e outra do Burela sobre o céspede de O Árbol.
Julio César Castro loce as camisetas do Río Ouro e outra do Burela sobre o céspede de O Árbol. Pepa Losada

Celebra que os rapaces que viviron os duros inicios dun proxecto de canteira demandasen formar un equipo sénior

03 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Sufriron unhas cantas malleiras «os sete nenos de idades dispares» que inauguraron no 2017 a escola de fútbol de Alfoz e O Valadouro que dous cursos despois deu paso á Asociación Deportiva Río Ouro. «O nivel do fútbol-8 na Mariña é moi alto e os comezos foros duros», explica un Julio César Castro Rodríguez (La Bañeza, León, 1977) feliz de que o traballo feito nestes anos xerase fortes vínculos, un amplo crecemento deportivo e un sentimento de pertenza que levou a eses mesmos rapaces a demandar a creación dun conxunto sénior que iniciará a súa andaina en Terceira Futgal tras pechar a súa etapa de formación.

«Hai poucos proxectos como o do Río Ouro. É bonito saír da nada máis absoluta e que os propios nenos medren e queiran un sénior. Levo moitos anos no fútbol e non coñezo outros casos así, o máis habitual é facer un conxunto sénior e partir de aí sacar canteira para nutrirse dela. É ilusionante, un orgullo», destaca un home que, tras case dúas décadas como adestrador, compaxina o seu cargo cunha «maior esixencia de resultados» á fronte do Burela na Preferente Futgal e múltiples tarefas na entidade do Val do Ouro.

«Son adestrador e o que axuda á directiva no que haxa que facer. A maioría son pais que nunca estiveron metidos no fútbol, así que eu levo a coordinación, a metodoloxía, levo todos os equipos... Teño moita xente axudándome para poder cadrar horarios e se nun momento dado non podo atender un equipo, vai outro, pero os adestramentos lévoos eu todos e tamén todas as decisións que competen a temas deportivos», concreta Julio César Castro.

O seu bo facer permitiulle converter esas funcións no seu medio de vida: «É o meu traballo. Cando empecei tívenlle que botar moitas horas ao revés, pero os concellos por mediación de empresa fan que isto sexa o meu traballo. Non é algo altruísta, nin me quero poñer medallas de nada, fágoo con amor, con paixón, porque teño un sentimento de pertenza con eles brutal, pero é a miña labor».

Esa entrega non se desgastou nin sequera nos dous meses finais da pasada campaña, cando aceptou o encargo de atacar unha salvación que se complicaba para o Burela. «Os resultados están aí», sentenza quen seguirá á fronte da escadra verde e aceptou dirixir na súa primeira aventura no fútbol modesto aos xuvenís aos que conduciu á fase de ascenso a Primeira Futgal tras gañar a súa liga invictos

«No primeiro equipo plantexóuselles á directiva e aos rapaces traer un adestrador de fóra porque creo que debería haber alguén por enriba por se non saen ben as cousas. Comigo hai o hándicap da amizade. Pero o plantel preferiu que no primeiro ano estivese eu con eles. Ocorréuseme a idea de falar con Suso Coto, que é o adestrador do Catro Roldas e estivo aquí comigo dous anos, e dixo que entre os dous o podíamos levar perfectamente», explica Castro, que xa confirmou con federación que poderá poñer o seu carné nos dous conxuntos sénior que leva. 

Salto xeracional

Ás súas ordes terá aos xuvenís que veñen de firmar unha gran campaña reforzados por uns poucos xogadores máis experimentados: «Estes primeiros anos haberá que sufrir, buscar xente que lles bote unha man a estes neniños e que vaian chegando pouco a pouco os que veñen por detrás. Temos cen xogadores e oito equipos, pero hai un bo salto xeracional porque agora só teremos base ata infantís».

«En contra do que pasa no Burela, onde ás veces tiven que renunciar ao xogo que me gusta e ter moi pouco balón porque é unha categoría moito máis esixente, aquí queremos seguir plasmando a nosa idea de xogo. En tódalas categorías somos equipos que propoñemos e queremos medrar a través do balón. É bonito ir xogar por aí adiante e que os rivais nos recoñezan por iso. Fomos xerando unha base moi forte, un gran orgullo de pertenza e agora a pretensión é a mesma, seguir medrando desde un estilo e unha forma de xogar e que a clasificación nos poña no noso lugar. Aí si que non imos ser resultadistas, é un reto manter o noso estilo a pesar de que sabemos que polos rivais e os campos vai ser difícil. Despois se podemos ser cuartos, mellor que quintos, por suposto», defende o adestrador focense.

Un club que une os concellos de O Valadouro e Alfoz de Castrodouro

Malia a que moitos a vinculan á ACD Valadouro, que non compite desde o 2020, a traxectoria da AD Río Ouro é completamente allea. «En ningún momento quixemos mesturar unha e outra entidade porque temos filosofías completamente diferentes», defende Julio César Castro, que tamén foi adestrador daquel equipo, igual que doutros clubs relevantes na Mariña como Foz, Celta Barreiros, Candelaria e Mondoñedo. «A intención era abarcar os dous concellos, Alfoz de Castrodouro e O Valadouro, darlles a oportunidade xogar aos nenos dunhas vilas tan pequenas. Queríamos un escudo e un nome que unise os dous concellos e a partir de aí comezouse a funcionar. Daquela eran infantís os que comezan agora e desde aí fomos medrando, con moitas dificultades moitos anos, con moitas derrotas...», rememora o técnico.

Non en van, o club emprega tanto o campo de O Árbol, en Ferreira do Valadouro, como o Municipal de Alfoz: «O fútbol-8 xógase máis no Árbol porque temos alí o campo sintético, pero Alfoz fixo unha inversión importante, trouxo porterías de fútbol-8 para que se xogue e este ano o infantil vai disputar todos os seus partidos no Municipal de Alfoz. O sénior alternará os dous campos, loxicamente, sempre en boa sintonía co Club Deportivo Alfoz, co que temos bo trato».