O equipo de Julio César Castro debe gañar na Marosa para ter opcións de seguir en Preferente
17 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Con ilusión e compromiso» afrontará este domingo a SD Burela a súa final pola permanencia en Preferente contra o Cidade de Ribeira (A Marosa, 18 horas. Tiivii.gal). «Non quero nin oír falar doutros resultados ata acabar. Só temos que pensar en sacar adiante o partido ante un rival que, aínda que vén descendido, vai querer gañar e ten un nivel similar ao noso», valorou Julio César Castro antes dun partido no que é imprescindible gañar para os verdes, que aínda así poderían descender por unha complexa combinación de resultados.
«Creo que a tempada do Burela ten un mérito enorme desde o principio, comenzando polo enorme labor da directiva para confeccionar un plantel competitivo sendo fieis á súa filosofía, con xente da casa e sen un gran orzamento. Oke fixo un moi bo traballo para sacar moitos puntos e agora chegar a 41 sería para estar moi orgullosos, pase o que pase», subliñou un adestrador que tamén pediu un último impulso á incondicional afección da Marosa.
«O da xente de Burela é espectacular, había moito que non vía unha afección tan implicada co equipo. En Ordes notamos moito o seu apoio nos momentos difíciles e estou 100 % seguro de que non nos van fallar, estarán con nós todo o partido e agradecerán o traballo dos rapaces pase o que pase», analizou Castro.
Baixa de Jairo López
Tamén aplaudiu a «enorme aportación dos xogadores do banquiño» antes dun partido para o que perde a Jairo López, por sanción, ademais dos lesionados Adri Kun e Veiga. O seu once será: Kiko; Yeray, Vila, Celes, Penelo; Yago Ramos, Huguito; Diego Chao, Júnior, David Ben; e Jairo Campo.