O Arousa púxose por diante tras encaixar un 0-1, pero nun córner en curto recibiu o tanto do empate
15 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Terceira xornada de Liga de División de Honor Juvenil e terceiro empate do Arousa. Onte, como quince días atrás fronte ao Sporting de Gijón, ante outro grande. Desta volta, un Deportivo da Coruña que chegaba ao Manuel Jiménez líder con 6 puntos e un intimidante balance de 9 goles a favor por só 1 en contra. O conxunto de Perú a piques estivo de derrotalo, para rematar repartindo os puntos cun 2-2.
Sabía o Arousa cales eran as virtudes do Deportivo e cal o camiño para evitar que as explotara. E así o fixo, cun partido moi serio, no que os pupilos de Perú ralentizaron o fútbol eléctrico do seu rival, anulando a súa verticalidade e, á par, co Arousa sendo moi perigoso cada vez que se plantaba na área rival.
Dous desaxustes defensivos facilitaron os goles do Dépor, o primeiro, o 0-1 no minuto 32, neutralizado por Seijo xusto antes do descanso tras unha recuperación e centro de André. Pedro puxo o Arousa por diante no 77, pero nun córner sacado en curto, o rival amarrou no 82 un punto.
FICHA DO PARTIDO:
AROUSA (2): Adrián, Crusat, Lorenzo, André, Pedro (Iker, min 90), Sindo, Seijo (Almon, min 80), Úbeda (Raúl, min 80), Iván Varela, David (Paulo, min 63) e Yeray.
DEPORTIVO (2): Marqués, Hermo, Torres, Samuel Fernández, David Fernández (Adrián, min 79), Daniel Estévez, Rey (Daniel García, min 64), Castro (Ruiz, min 56), Rubén Fernández (Altieri, min 64), Fraga e Balbás (Zoe, min 56).
GOLES: 0-1, min 32: Castro. 1-1, min 44: Seijo. 2-1, min 77: Pedro. 2-2, min 82: Adrián.
ÁRBITRO: Asier Manuel Fariña. Amonestou os xogadores do Deportivo da Coruña Daniel Estévez e Zoe.