O Arousa mide hoxe o seu estado de construción ante o Deportivo Fabril

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

Partido del Arousa el pasado sábado frente al Celta Fortuna
Partido del Arousa el pasado sábado frente al Celta Fortuna ADRIAN BAULDE

Míchel Alonso darálle despois tres días de descanso ao equipo

22 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Quinto partido estival do Arousa de Míchel Alonso, o terceiro sobre o céspede da Lomba. Esta tarde, desde as 20 horas e co Deportivo Fabril coma instrumento de medición, o conxunto vilagarcián volve testar o punto de cocción no que se atopa a receita coa que o adestrador ferrolán o pretende converter no rei da cociña da próxima Liga do grupo galego da Tercera RFEF.

A falta de que o director deportivo do club, Dani Abalo, lle sirva o último gran condimento para a súa fórmula maxistral, ese dianteiro centro polo que inda suspiran boa parte dos equipos que aspiran a algo grande no fútbol modesto nos vindeiros dez meses, Míchel Alonso volve dispoñer hoxe de todos os seus efectivos coa excepción de Javi Rey. O pivote, chamado a ser parte importante da base alimenticia deste novo Arousa, continúa pendente da alta médica. Con todo, e máis aló do traballo de fortalecemento da escordadura de nocello mal curada a temporada pasada en Talavera de la Reina, o mediocentro comezou a facer esta semana exercicios esporádicos co grupo, unha novidade que invita a pensar na súa recuperación a tempo para o primeiro partido de Liga, o 8 de setembro.

Unha semana antes comezará a súa competición o Deportivo Fabril na Segunda RFEF, unha categoría por riba do Arousa. Míchel Alonso salientaba onte que o cadro coruñés será unha moi boa pedra de toque, por canto se trata de «un equipo dinámico, de calidad, incluso más que la temporada pasada, y a las puertas de empezar la Liga».

Como nos catro partidos anteriores, tanto os de Copa RFEF, fronte ao Alondras e ao Coruxo, como no amigable co Portonovo SD e o Trofeo San Roque diante do Celta Fortuna, o adestrador do cadro vilagarcián repartirá moitos minutos entre todos os seus efectivos. Ir engraxando a maquinaria física cunha metodoloxía case científica e «seguir dando pasos, afianzando el modelo de juego que queremos proponer» son as dúas encomendas que Míchel Alonso lles pon aos seus homes e a si mesmo antes de concederlles tres días de descanso, ata o vindeiro luns.