O Arousa tampouco chega a un acordo con Brais Vidal, que se suma ao parte de baixas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MONICA IRAGO

Xa son doce as saídas respecto ao último cadro de xogadores do equipo. O club convoca a súa canteira a un acto con todos os seus integrantes na Lomba

14 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O parte de baixas do Arousa continúa engordando. A comisión deportiva do club vilagarcián comunicou onte a marcha de Brais Vidal. O centrocampista santiagués e a entidade arlequinada non chegaron a un acordo para a renovación dun futbolista que vestiu a camisola do Arousa as dúas últimas temporadas.

No seu primeiro curso no vestiario da Lomba, Brais Vidal mantivo o protagonismo que tivera as cinco anteriores temporadas, no Arenteiro e, as catro últimas, no CD Estradense. Pero tras xogar 2.451 minutos no curso 2022/23, Luisito relegouno a último centrocampista, rematando a última campaña con tan só 964 minutos disputados e unicamente nove titularidades, fronte ás 29 do ano anterior.

Coa de Brais Vidal xa son 12 as baixas rexistradas entre os 20 futbolistas cos que o Arousa pechou o último exercicio. Oito por decisión da comisión técnica, as de Diego Enjamio e Manu Táboas por non poder compatibilizar os seus traballos co cambio dos adestramentos da primeira hora da tarde á mañá, e as de Sylla e Brais Vidal por non conseguir as dúas partes chegar a unha entente. Cotilla, Martín Sánchez e Martín Diz son os tres últimos casos para pechar o capítulo de renovacións e de baixas no Arousa, que o director deportivo do club, Dani Abalo, decidiu antepoñer á apertura das negociacións para facerse cun número de reforzos moito maior do que pretendían ter que fichar nos despachos da Lomba.

Xuntanza de toda a base

Noutra orde de cousas, o Arousa convocou hoxe ás 20 horas a todos os integrantes da súa base no Campo Municipal da Lomba. Arredor de 350 futbolistas e membros dos corpos técnicos dos diferentes equipos daránse cita nun evento co que o club vilagarcián quere celebrar e premiar todos os éxitos dunha das tras mellores canteiras do fútbol galego. Unha estrutura que este ano subiu outro chanzo co ascenso do xuvenil B á Liga Nacional, de maneira que os dous equipos da última categoría de formación competirán a vindeira temporada nos dous niveis máis altos, co cadro dirixido por David López, Perú, xogando por terceiro curso consecutivo na División de Honor Juvenil.