O Arousa é o equipo con máis convocados para o primeiro adestramento da campioa da Copa das Rexións UEFA
FUTBOL GALLEGO
O seleccionador galego, Iván Cancela, incluíu a Sergio Cotilla, Martín Sánchez, Brais Vidal, Diego Enjamio e Martín Diz na súa lista de 23
23 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A selección galega de fútbol afeccionado inicia un novo ciclo tras a súa brillante consecución do título da Copa das Rexións UEFA o pasado mes de xuño sobre o céspede da Lomba. Un novo ciclo que arrincará o vindeiro martes cunha sesión de adestramento no campo da Braña, en Rois.
A Real Federación Galega de Fútbol volveu apostar polo grande estratega do título continental, Iván Cancela, para iniciar a preparación da defensa do título. O técnico convocou a 23 xogadores neste novo arrinque. E o Arousa é, xunto ao Atlético Arteixo, o club do que máis tirou. Sergio Cotilla, Martín Sánchez, Brais Vidal, Diego Enjamio e Martín Diz copan case a cuarta parte da primeira lista de Iván Cancela, que tamén traballará o martes con Ramón Rodríguez, Antonio González, Adri Otero, Fabio González e Iván Vázquez, do Atlético Arteixo, con Jesús Varela, Ube, Pablo Goitia e Félix Rial, do Alondras, con Álex Rey e Kopa, do Rápido de Bouzas, con Minibugy e Manu Mariña, do Somozas, con Javi Liz, da Sarriana, con Pablo Carabán, do CD Estradense, con Álex Lorenzo, do Bergantiños, con Santi de Prado, da UD Ourense, e con William Peña, do Paiosaco.
O combinado galego de fútbol afeccionado buscará emular o seu título nacional do ano 2020, cando derrotou nas Rozas a Andalucía na final, debendo agardar tres anos pola pandemia para poder pelexar polo cetro da Copa das Rexións UEFA xa nas dúas fases internacionais. Como entón, os homes de Iván Cancela deberán superar tres fases a nivel estatal, a primeira o vindeiro mes de decembro.