Luisito Míguez: «O Arousa fixo unha campaña es-tra-tos-fé-ri-ca!»

FUTBOL GALLEGO

Martina Miser

«Estou convencido de que vou facer un Arousa grande, pero require tempo», di quen volverá ser por segunda temporada adestrador e director deportivo do primeiro equipo arlequinado

28 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Luisito Míguez (Teo, 1966) volverá dirixir a vindeira temporada o Arousa na procura dun obxectivo, o ascenso, programado xa para a campaña que acaba de rematar. Esta é a valoración do feito e a mirada do que ten por facer do técnico e director deportivo arlequinado.

—Polo visto, non houbo moito que falar entre o club e vostede para acordar a súa renovación…

—Non, a verdade é que non. Eu teño as cousas moi claras: non me movo só por cartos. O club sabe perfectamente que eu perdo moitísimos cartos. Prefiro adestrar o Arousa en Terceira cá moitos equipos en Segunda RFEF. Eu non miro só a categoría, miro máis a institución. Co presidente e coa directiva estou encantado. En que me quede o que menos me importou foi o tema económico e mesmo o tema deportivo. Moralmente, véxome obrigado a quedar.

—Obrigado a quedar por?

—Obrigado porque me doeu moito (non ascender). Eu sabía que o equipo non tiña o potencial doutros, pero con todo fixemos un campañón. Doeume moito polo presidente, pola súa muller, sei como traballa a directiva. Pero, sobre todo, polos futbolistas. Aguantarme a min durante un ano o ritmo, iso non é fácil. E que estiveramos a 90 minutos de ascender, de quedar campións de Liga, con presupostos moito máis altos có noso, iso valóroo unha barbaridade. Por iso digo que a campaña foi impresionante. Por moito que te chames Arousa, os cartos son os que son. Pero eu sempre fun dos que pensa que os presupostos non fan os planteis. Evidentemente, axudan moitísimo, pero hai equipos que non teñen tanto presuposto e son quen de competir e nós fomos un exemplo. Víame obrigado a seguir porque creo que se poden facer cousas moi boas. Este ano o Arousa creceu moitísimo, en todos os aspectos, e o ano que vén imos dar outro pulo.

—Fichou polo Arousa coa misión practicamente imposible de salvalo na Segunda RFEF. O pasado verán xa puido construír o equipo á súa maneira cun mandato claro do club: ascender. Que fallou?

—Para ascender, para facer un equipo forte, tes que ter moitos cartos. Había cinco, seis equipos con máis cartos ca nós, e con iso, un descendeu, o Barco, e despois competimos co Fabril, con catro futbolistas que sumaban o noso presuposto. Iso é do que a xente se ten que dar conta. Por moito Arousa que te chames, a realidade é a que é. E para a temporada que vén, vai haber 2 ou 3 equipos en Terceira cos que non imos poder competir porque van pagar coma se estiveran en Segunda RFEF. Aquí a clave é que con pouco hai que facer moito. A temporada pasada fixémolo. Que fallou? O Arousa ascendeu a Segunda, pola pandemia, dunha maneira que ao mellor nunha Liga regular sería complicado. Agora, o que non ten Luisito é unha variña máxica. O que ten Luisito é traballo e a uns gustareilles máis e a outros gustareilles menos. O Arousa levaba 30 anos sen entrar na Copa do Rei, levaba 30 anos sen disputar un título de Liga, e estivemos a 90 minutos. O Arousa fixo unha campaña es-tra-tos-fé-ri-ca. Por iso defendo os futbolistas, a morte, porque fixemos un campañón. Niso creo que non fallou absolutamente nada. E despois está o play-off. No play-off tivemos 3 minutos malos, que foi onde tiramos o play-off. Pero polo demais fixemos un play-off moi bo, fomos moito mellor có Vilalbés, e non pasamos porque o play-off é iso, como teñas un momento malo, castígate. E iso é o que pasou. Se ti miras a Liga, nós ao Vilalbés metémoslle 12 puntos, 15 na segunda volta. Iso di que fixemos as cousas moi ben. Pero evidentemente, nunha eliminatoria calquera equipo pode tombar a calquera. 

—Afeito a traballar en clubs con estruturas profesionais, que atopou ao chegar ao Arousa hai 14 meses e como ve a entidade  hoxe neste punto?

—O club mellorou moitísimo. Ten un presidente exemplar, con xente moi traballadora ao seu arredor. O Arousa vai camiño de ser unha institución moitísimo máis grande do que é. Eu estou convencido de que vou facer un Arousa moi grande. Pero iso require tempo. Este ano demos un empurrón tremendo. Se miras 30 anos atrás, ves que o equipo estivo só un ano en Segunda RFEF, na Segunda B antiga, e o resto entre Terceira e Preferente. Iso foi porque se fixeron as cousas moi, moi mal. Eu vexo como traballa agora a directiva e creo que o equipo, tarde ou cedo, vai ser un equipo moi grande en Segunda RFEF. Pero para iso hai que traballar moito e estar todos xuntos. Esa é a clave.

 

«Vai haber máis incorporacións cá baixas»

Luisito comezará a comunicarlles aos seus inda xogadores a súa lista de baixas e as súas propostas de renovación a partir da vindeira semana.

—Despois dos 34 partidos da temporada que vén de rematar, terá ben diagnosticadas as fortalezas e debilidades do equipo. Que quere manter no Arousa 2023/24?

—O desta temporada no Arousa foi o mellor grupo humano que eu adestrei. O ambiente que había no vestiario era incrible, a pesar de que algunha mala persoa dicía que había problemas. Se de min depende e os futbolistas queren, entre o 70 e 80 por cento van quedar. Este ano tiñamos un equipo novo, e agora temos a base.

—E que toca cambiar?

—Para o ano vai haber máis incorporacións cá baixas, porque o plantel era moi curto e imos pasar a 18 equipos, van ser más partidos, polo que se precisarán máis efectivos. O club está disposto agora a gastar un pouco máis. Pero non é pagar por pagar. O Arousa durante moitos anos facía equipos para ascender e descendían a Preferente, tiraban cos cartos. Eu non o vou facer.

—Máis aló das pezas, que aspectos do xogo ou do rendemento do equipo hai que mellorar?

—A nivel ofensivo estivemos moi ben, moi ben, mesmo con Sylla pasándoo moi mal toda a primeira volta porque veu con moitísimos problemas físicos. Entre Borja, Sylla e Iñaki meteron cerca de 30 goles. Pola contra, a nivel defensivo, ao equipo custoulle moito, sufrimos, encaixamos bastantes máis goles do que eu pensaba. Sobre todo, na segunda volta. É certo que pola maneira de xogar nosa tirabámonos moitas veces a tumba aberta, e aí pasamos dificultades. Pacheco estivo con moitas limitacións durante toda a temporada. Firmamos a Nacho Carús e tivemos a desgraza de que xogou tres partidos e rompeu a clavícula.

«Se algún xuvenil demostra na pretemporada que merece xogar, comigo vai xogar»

Luisito deixa clara a súa postura sobre os xuvenís do club de cara a vindeira campaña: quen o mereza terá un posto no primeiro equipo.

—O xuvenil A vén de asinar unha brillante primeira campaña na División de Honra, acabando sexto. Son moitos os xogadores que rematan nel a súa etapa de formación. Habendo un mínimo de 6 fichas sub 23 para aqueles equipos que cheguen ao tope das 22 na Terceira, que plans ten para estes canteranos?

—A prioridade do club era salvar o equipo xuvenil. O problema é que non é o mesmo competir cos xuvenís que competir cun equipo que aspira a estar cos mellores. Se hai algún deles que me demostre na pretemporada que merece xogar, comigo vai xogar. Eu nunca mirei a idade, que un futbolista teña 17 anos ou que teña 37, só miro o rendemento. Eu falarei con eles, e moitos dos que terminan farán a pretemporada, e se merecen quedar, van quedar, e se non merecen quedar, terán que ir cedidos ou xogar noutro lado. Iso hai que falalo. Coñézoos perfectamente a todos, porque adestraron comigo toda a temporada. Pero o que non podo é ter rapaces moi novos sen xogar, porque os rapaces, cando saen de xuvenís, teñen que xogar. E xogar a temporada que vén no Arousa non vai ser fácil, para ninguén, porque tratarei de facer o equipo máis competitivo posible e cun plantel moito máis amplo, no que vai estar máis caro ter minutos. Estou convencido de que imos facer un moi bo equipo, porque a base xa a temos.