O gol na Liga fala galego

Iván Antelo REDACCIÓN

FUTBOL GALLEGO

M.MORALEJO

Os xogadores nados na comunidade superan por segundo ano consecutivo a barreira dos 70 tantos e, a falta dunha xornada, baten un rexistro de 66 anos

17 may 2022 . Actualizado a las 10:16 h.

Aínda que semelle algo repetitivo xa polo esplendor que está a vivir o fútbol galego no último lustro, o certo é que esta tempada que está a piques de rematar vai supor un novo rexistro. A falta da última xornada de Primeira División, os xogadores nados na comunidade poden presumir xa de bater por segundo ano consecutivo a barreira dos 70 goles e, a maiores, xa se aseguraron establecer a mellor marca en 66 anos.

Os números falan por si mesmos. En 37 datas disputadas, o fútbol galego xa celebrou 73 goles. Esta xa é a décima mellor marca da historia, desbancando a inesquecible tempada pasada, que rematara con 70 dianas. Na última xornada, Galicia ten a tiro superar tamén os 76 sumados no curso 1940-41. Daquela, a artillería galega estivera comandada polo ourensán Agustín Jarabo Domínguez, Peixe, que anotara 12 goles coa camisola do Celta.

Esta tempada, outro celeste, Iago Aspas, está a loitar polo Premio Zarra de máximo goleador nacional. Leva 18 goles, un máis que Raúl de Tomás (Espanyol), sancionado de cara a última data, e dous máis que Juanmi (Betis). De feito, só o francés Karim Benzema (Real Madrid) festexou máis dianas (28) que o dianteiro de Moaña.

A maiores, tres xogadores galegos están entre os 15 máximos goleadores da Liga. Ningunha outra comunidade pode presumir diso. Un dato máis salientable aínda ao ter en conta que deses 15 futbolistas, oito son nados fóra de España, tres en Galicia, dous en Madrid e logo un en Andalucía e outro en Valencia.

Xunto ao citado Iago Aspas, os outros dous compoñentes do big three galego son Joselu (Alavés) e Borja Iglesias (Real Betis). O dianteiro de Silleda leva 14 goles nun equipo xa descendido e que só anotou 31 entre todos os seus integrantes (Joselu acaparou o 45? % das dianas do colectivo). O ariete compostelán, pola súa banda, aportou dez, repartidos en sete encontros (sete triunfos béticos, tres deles decididos por el). Ademais, á marxe dos goles da Liga, o Panda firmou cinco dianas na Copa do Rei, tres delas determinantes para levantar o título (un tanto en cada encontro das axustadas semifinais perante o Rayo Vallecano e na final diante do Valencia).

Lastrados por Santi Mina

Aspas, Joselu e Iglesias poderían estar acompañados no cumio da táboa de goleadores de Primeira División por outro futbolista da terra. O vigués Santi Mina levaba sete goles co Celta no mes de xaneiro e aí se quedou. Ademais, tivo que responder ante a Xustiza por un caso de abuso sexual, polo que foi condenado. Tras a sentenza, o dianteiro foi apartado polo Celta.

Outro que non tivo unha tempada doada foi o exdeportivista Lucas Pérez. O Elche traspasouno en xaneiro ao Cádiz e na Tacita de Prata marcou tres goles, todos eles no último mes de campionato. O dianteiro coruñés leva cinco goles en total nesta Liga, un máis que os célticos Brais Méndez e Denis Suárez e dous máis que Lucas Vázquez (Real Madrid) e Dani Rodríguez (Mallorca).

AS CIFRAS

HISTÓRICO DE GOLES GALEGOS

1. Tempada 1955/1956 106 goles

2. Tempada 1950/1951 99

3. Tempada 1951/1952 96

4. Tempada 1948/1949 93

5. Tempada 1949/1950 91

6. Tempada 1952/1953 90

7. Tempada 1954/1955 89

8. Tempada 1939/1940 81

9. Tempada 1940/1941 76

10. Tempada 2021/2022 73

11. Tempada 2020/2021 70

12. Tempada 1956/1957 68

13. Tempada 1953/1954 60

14. Tempada 1962/1963 60

15. Tempada 1968/1969 58

16. Tempada 2018/2019 57

17. Tempada 2019/2020 55

18. Tempada 1969/1970 55

19. Tempada 1966/1967 54

20. Tempada 2017/2018 53

(...)

93. Tempada 2007/2008 2

GOLES GALEGOS 2021/22

1. Iago Aspas (Celta) 18 goles

2. Joselu (Alavés) 14

3. Borja Iglesias (Betis) 10

4. Santi Mina (Celta) 7

5. Lucas Pérez (Elche e Cádiz) 5

6. Brais Méndez (Celta) 4

. Denis Suárez (Celta) 4

8. Dani Rodríguez (Mallorca 3

. Lucas Vázquez (Real Madrid) 3

10. Nico González (Barcelona) 2

11. Róber Pier (Levante) 1

. Santi Comesaña (Rayo) 1

. Hugo Mallo (Celta) 1

73 goles en 37 xornadas

MELLOR REXISTRO PERSOAL

1. Pahíño (51/52) 28 goles

2. Mauro (55/56) 23

3. Iago Aspas (17/18) 22

4. Hermida (51/52) 21

5. Pahíño (50/51) 21

6. Hermida (49/50) 21

7. Pahíño (48/49) 21

8. Pahíño (47/48) 21

9. Iago Aspas (18/19) 20

10. Pahíño (49/50) 20