Entre o non é non do Céltiga e o toca volver miralo do Juventud e do Umia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MARTINA MISER

Ningún dos equipos arousáns con dereitos na Preferente asegura neste momento saír na Liga

19 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Federación Galega de Fútbol reaccionou case ao minuto á publicación da nova orde da Xunta de Galicia sobre restricións á mobilidade fronte á pandemia de covid-19, que desde este mércores permite a reactivación dos adestramentos grupais dos clubs federados e das competicións autonómicas. Logo de anunciar o pasado outono o inicio do campionato da Preferente Galicia para finais de novembro e volver programalo despois para dous meses máis tarde, o 31 de xaneiro, a RFGF fala agora de botar andar a Liga de Preferente a finais de marzo.

O formato final dependerá, novamente, do número de equipos interesados en participar. Pero mentres na vez anterior a maioría dos equipos con dereitos deportivos na categoría remataron por estampar a súa sinatura na folla de inscrición, baixo a pena do descenso directo á Primeira Galicia, desta volta a Federación adianta que a participación será totalmente voluntaria. Mantendo os catro ascensos á Terceira xa previstos, pero retirando os descensos que se incluían ata agora.

En Arousa, o Céltiga foi un dos contados clubs que se opuxeron desde o comezo á celebración da Liga nunha tempada que comezou no medio da pandemia e que, dada a lentitude do proceso de vacinación contra o covid-19, rematará co mesmo escenario de alerta sanitaria. Coherente de principio a fin, a directiva do club illense declarou onte a través do seu voceiro, Álex Zels, que «nós xa o dixemos, e non imos cambiar de posición, inda que a participación sexa voluntaria e subvencionada. Explicamos a nosa decisión de non competir pola pandemia, e mentres non nos vacinemos todos, isto non cambia».

Os outros tres equipos arousáns con dereito a xogar a Preferente Galicia 2020/21 si se inscribiran na Liga cando o horizonte de inicio apuntaba ao 31 de xaneiro. Hoxe non está claro que ningún deles o vaia facer se, finalmente, acaba sendo posible que o campionato comece andar a finais do vindeiro mes no hipotético caso de que entre todos se dea controlada a pandemia nuns parámetros que posibiliten retomar os contactos derivados dun torneo como o da Preferente.

Desde o Club Juventud Cambados o seu voceiro, Fol, sinalaba onte que «a verdade é que inda non sabemos que imos facer. Esta fin de semana imos falar cos xogadores e co corpo técnico, e estamos pendentes da normativa particular sobre o uso das instalacións municipais que está a preparar o Concello». A previsión do Juventud é tomar o vindeiro luns unha decisión definitiva sobre a súa participación na hipotética Liga, baixo a premisa de que, recorda Fol, «agora non hai ningunha presión para inscribirse» tras confirmar a Federación que non haberá descensos.

Pola súa banda, o presidente do Umia C.F., Paco Torres, afirma que «nas nosas previsións está saír a competir», se ben aclara que antes de volver inscribirse na Liga «temos que valorar se as condicións económicas o permiten». Unha cuestión esta que, di, dependerá do número de equipos que saian xogar e dunha charla cos futbolistas do Umia, aos que se lles pedirá «un esforzo económico».

Este xornal tratou de coñecer onte a postura da directiva do Vilalonga, sen éxito.