Francisco Torres é o novo presidente do Umia, mentres o Vilalonga busca un novo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MARTINA MISER

O substituto de Piris foi un dos xogadores do equipo que 30 anos atrás levara o nome do Umia C.F. á Preferente por primeira e, ata o vindeiro outono, única vez na historia do club

12 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O relevo de Manuel Abuín, Piris, á fronte do Umia C.F. non se fixo de rogar. Na noite do mércores, na casa da cultura de Barrantes, os socios do club atoparon en Francisco Torres González o seu novo presidente. Un home que garante unha liña continuísta na xestión da entidade, por canto xa viña exercendo as funcións de tesoureiro na directiva de Piris, quen se despedíu xunto con Amancio Varela, este último do cargo de secretario, entre bágoas diante dos socios do Umia C.F.

Ambos os dous anunciaron as súas dimisións na noite do 27 de maio, escasas horas despois de que a Real Federación Galega de Fútbol oficializase o listado de ascensos no balompé autonómico da tempada 2019/20, a do covid-19, entre eles o do primeiro equipo masculino do Umia C.F. á Preferente Galicia. Unha categoría que os socios gozarán por segunda tempada nos 96 anos do club, curiosamente cun dos integrantes daquel cadro de xogadores pioneiro da tempada 1990/91 na súa presidencia. Francisco Torres anunciará nos vindeiros días os nomes das persoas que integrarán a súa directiva, coa vista posta en formar sendos equipos quen de manter o nome do Umia na Preferente Galicia e na Primeira Nacional Feminina.

Mentres, na veciña Vilalonga Marcelino Muñiz non atopou o pasado domingo relevo na presidencia da sociedade deportiva nunha asemblea convocada a tal efecto. E iso pese a terlles avisado o 1 de marzo aos socios que debe abandonar o cargo por problemas persoais. O día 21 haberá unha nova asemblea na procura de presidente.