Arranca la liga en Tercera División y Preferente Autonómica

Melissa Rodríguez / Fran Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

BASILIO BELLO

Descobre o que pensan os adestradores dos catro equipos representantes da Costa da Morte sobre a liga e os choques de partida en ambas categorías

26 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras uns meses de espera para os afeccionados e de severa preparación para os equipos, hoxe á tarde arrinca a esperada liga de Terceira División, a máis cara dos últimos tempos. O Bergantiños, o Laracha e un novato Paiosaco na categoría regresan ó terreo de xogo para facer as delicias ós espectadores. Farano todos á mesma hora (18.00), pero dous deles no seu feudo e un a domicilio.

Así, o campo de As Eiroas será o escenario do duelo Bergantiños-Choco e o municipal larachés do choque Laracha-Barco, mentres que o Paiosaco se desprazará ata o Salvador Otero da Illa de Arousa para enfrontarse ó Céltiga.

Cada un persegue un obxectivo distinto: os roxiños, o ascenso; os roxiverdes, deixar de ser un equipo ascensor, e os verdibrancos, sobrevivir. Sobre o camiño feito na pretemporada e o novo que comeza hoxe falaron os adestradores dos tres conxuntos nos micrófonos de Radio Voz Bergantiños.

Ana Garcia

MIGUEL FIGUEIRA, TÉCNICO DO BERGANTIÑOS

«O equipo é moi diferente ao de costume»

O mazaricán de 44 anos afronta a súa terceira campaña á fronte do equipo carballés moi optimista.

-O Bergantiños xogará a final da Copa Federación o 11 de outubro contra o Ribadumia. Comezar a tempada cun título estaría moi ben.

-Non era un obxectivo, pois esta competición é para os xogadores que están a proba. Contentos por chegar á final, pero agora o máis importante é a liga con este primeiro encontro co Choco.

-Un comezo difícil, ¿non?

-Si, o Choco foi o único equipo que o ano pasado nos gañou os dous partidos. E xusto no de volta foi o punto de inflexión, pois o Compostela abriu a brecha na clasificación a 5 puntos e, despois, xa non fomos capaces de pillalo. Polo tanto, temos que estar advertidos. É un equipo que xoga moi ben ó fútbol e, aínda que este ano mudou de adestrador, hai que ter moito ollo con eles.

-¿Como foi a pretemporada?

-A medida que pasan as semanas, o equipo e, sobre todo, os xogadores de forma individual, van collendo mellor forma física. Respecto ós que viñeron novos, estanse adaptando moi ben; reflexo disto é Diego, que está facendo unha pretemporada excelente. Como resultado, o equipo é moi diferente ó que o afeccionado de Carballo estaba afeito a ver. Quizais é máis rochoso, máis contundente e con menos alardes en ataque.

-A plantilla aínda non está pechada, ¿non?

-Estamos coa carencia de dous xogadores de ataque: un dianteiro e un xogador de banda. Xa os poderiamos ter aquí, pero como non é cousa nosa, leva o seu tempo. Esperemos que se poida resolver pronto porque o club está traballando moi duro. Con eles, temos equipo para afrontar con garantías a liga.

BASILIO BELLO

ÓSCAR GILSANZ, ADESTRADOR DO LARACHA

«Vai ser unha competición moi bonita»

O betanceiro de 45 anos chegou hai uns meses ó banquiño do Laracha. Non obstante, a súa experiencia na categoría axudoulle a asentarse moi rapidamente e a facer porque o seu proxecto se instaure dende o primeiro momento.

-O Laracha deberá pasar menos apuros para evitar salvarse polos pelos, como lle ocorreu a campaña pasada co descenso administrativo do Cerceda.

-Ó equipo custoulle tomar o pulso do novo contexto no que se move, pero na segunda volta fíxoo moi ben e merecía esa salvación. Porén, iso xa quedou atrás e agora estamos envorcados de cheo na nova tempada, con ganas de comezar xa a competición. Das derrotas apréndese moito.

-¿Que conclusións saca da pretemporada?

-Que temos unha plantilla moi nova, pois o 85 % son xogadores sub 23, con moita ilusión de progresar. Este é o contexto no que nos vemos co convenio de filial co Deportivo.

-¿Como ve o primeiro asalto?

-Empezar na casa sempre é bo. O Barco é un rival complicado porque sempre se reforza moi ben, con xogadores que non son coñecidos no grupo galego, polo que sempre sementa esa dúbida e inquietude. Pero o que está claro é que é un equipo preparado para estar aí arriba.

-¿Haberá algunha incorporación máis á plantilla?

-En principio, está pechada. Iso si, co convenio de filial co Fabril moi presente. Deste xeito, cada semana haberá xogadores que se incorporen ou non segundo as necesidades do equipo superior.

-Con tres equipos da comarca na categoría, preséntase unha liga moi interesante.

-Si, pero porque tamén hai moitos históricos en xeral. Creo que vai ser unha competición moi bonita para o afeccionado da Terceira.

Ana Garcia

JUAN RIVEIRO, TÉCNICO CO PAIOSACO

«Esperemos gozar da liga ata o final»

O coruñés de 48 anos xa leva moito vivido co Paiosaco, pero nesta cuarta tempada ten o reto máis grande por diante, o cal afronta con moita ilusión.

-¿Hai máis ansias ou nervios por comezar?

-Ámbalas dúas, pero sobre todo moita ilusión por ver se somos capaces de competir nesta nova categoría.

-¿Que sensacións lle deixa a pretemporada?

-En canto a nivel competitivo, moi boas, porque loitamos moito. Respecto a resultados, máis pobres, porque competimos contra tres equipos de Terceira e só gañamos un [0-0, 5-4 a penaltis contra o Somozas en oitavos da Copa Deputación]. Pero eu sempre intento facer unha lectura positiva cando as cousas van mal. Visto así, contra o Laracha perdemos tras fallar un penalti [1-0, no Trofeo Concello da Laracha das festas patronais], e contra o Racing de Ferrol fomos dos poucos capaces de marcarlle un gol [1-3 en cuartos de final da Copa Deputación, en referencia a outros equipos na pasada liga].

-¿E no plano físico?

-Chegamos ben. Os novos rapaces adaptáronse con facilidade á nosa forma de traballar, e o feito de manter o grupo axudounos moito. En canto ó axuste, foi un pouco máis complicado, porque fichamos dous xogadores tras a grave lesión de Iriso, e Ruchi chegou cun golpe e Edu aínda leva moi pouco con nós. O resto, ben, aínda que con moitas baixas. Pero o raro é non ter molestias durante a tempada.

-A plantilla xa está pechada, ¿non?

-Si, de feito cun xogador máis do que tiñamos previsto nun principio, pero coa lesión de Iriso había que facelo.

-Debutan contra o Céltiga.

-Ogallá unha vitoria. Sería un espectacular comezo, porque despois temos un calendario complicado. Esperemos gozar da categoría ata o final.

Preferente

BASILIO BELLO

IVÁN CANCELA, ADESTRADOR DO SOFÁN

«Non estamos enganados. Para min a Preferente vai ser a máis dura da última década»

Xunto coa liga de Terceira División comeza a de Preferente Autonómica, onde esta tempada só hai un representante da Costa da Morte, o Sofán, que por segundo ano consecutivo estará baixo as ordes do adestrador Iván Cancela (Tordoia, 1982). O obxectivo dos roxiños segue sendo o mesmo que o da campaña pasada, a permanencia. Non obstante, segundo expresou o técnico no programa Voces de Bergantiños de Radio Voz, vai estar complicada.

El comeza a liga «con ilusión» e afirma que a plantilla está «con moitas ganas e moi implicada». Porén, hai algo que lle preocupa: «Na pretemporada cometemos moitos erros a niveis tácticos. Agora traballamos neles e esperemos que non se repitan máis».

Isto último poderase comprobar hoxe no seu comezo ao grande cun rival que xa é un asiduo para eles neste 2018, o Xallas (A Fontenla, 18.30): «Enfrontámonos a maiores dos dous partidos da pasada liga, na final da Copa da Costa e en dezaseisavos da Copa Deputación. Esta será a quinta vez. Coñecémonos ben o un ao outro. E eu, como antigo adestrador que fun, aínda máis, pero iso de pouco serve», di Cancela.

Respecto á configuración da plantilla, o técnico comentou o seguinte: «Estamos pendentes de a ver que pasa no treito final do mercado, pero xa se sabe como é a maneira de traballar da directiva, sempre cos pés no chan. Igualmente, non estamos enganados. Para min a Preferente vai ser a máis dura da última década. Deste xeito, hai que estar moi preparados para conseguir a salvación, ou sexa que se atopamos algo que nos sexa alcanzable, collerémolo».

Por último, fixo un chamamento: «A afección do Sofán sempre responde ben, pero esta tempada, o seu alento vai ser vital».