«Eu creo que non foi fóra de xogo»

Na súa estrea como lateral esquerdo, o interior dereito redondelán Yerai Couñago foi o gran protagonista no 1-1 co Somozas na Lomba

.

vilagarcía / la voz

As circunstancias mandan, e nun cadro tan curto como o do Arousa, os 18 homes de Jorge Otero están a disposición do seu técnico para o que sexa preciso con tal de axudar á ansiada clasificación para a fase de ascenso a Segunda B. A Yerai Couñago (Redondela, 1991) o pasado domingo tocoulle estrearse como lateral esquerdo, nada menos que ante un dos xigantes da Liga, o Somozas. Todo un reto para un interior dereito destro, que algo xogara xa como lateral no seu segundo e último ano no fútbol profesional de Finlandia, e co Arousa fronte ao Cultural Areas, pero no costado dereito. Brillante, ata o punto de anular a toda unha estrela coma Gerardo, o protagonismo de Yerai no partido multiplicouse co gol que o colexiado lle anulou no minuto 57 por fóra de xogo, e que tería suposto o 2-0 para o Arousa.

-Contou Jorge Otero tras o partido que vostede tivera dúbidas de se podería xogar de lateral esquerdo, e que lle dixo que de lateral pode xogar calquera...

-[Gargallada]. Si. Díxome que con estar atento e poñer ganas aí pode xogar calquera.

-¿Foi unha decisión compartida?

-Ao acabar o adestramento do venres Jorge díxome que ao mellor contaba comigo aí. Díxenlle que sen ningún problema. Que se consideraba que tiña que xogar aí por circunstancias do partido, que sen ningún problema. Eu en Finlandia no último ano xogara algo de lateral, dereito, e tamén, no mesmo lado, con Jorge contra o Cultural Areas na casa.

-Desde a grada viuse un partidazo de Yerai. ¿Como viu Yerai o seu partido no campo?

-Eu o único que tentaba era facelo ben, axudar o equipo, e que os defensas tamén me axudasen a min; era unha posición nova para min. De lateral esquerdo nunca xogara. Puxen todo da miña parte, e creo que non o fixen mal de todo.

-A súa marcaxe a Gerardo obrigou á media hora de xogo ao técnico do Somozas a cambiar de carril o posiblemente mellor centrocampista do grupo galego da Terceira, completamente anulado ata entón...

-Si. A verdade é que é un bo xogador, xogou en categorías superiores. Jorge díxome que estivera preto del, que non o deixara recibir nin que lle fixera dano ao equipo. Algunha vez se me escapou, pero Marcos axudoume a cubrilo.

-Nun posto completamente diferente ao que ocupa habitualmente, ¿cre que o seu partido como lateral esquerdo foi a súa mellor actuación no Arousa?

-Eu en todos os partidos téntoo facer o mellor posible. Non creo que fose o meu mellor partido co Arousa.

-¿Vese completando a tempada no costado esquerdo da zaga?

-Home, eu espero que me dean minutos máis adiante no campo, na miña verdadeira posición. Pero se teño que xogar aí, eu estou para axudar o equipo.

-1-1. ¿Xusto reparto co Somozas?

-Nós ao final puidemos levar algo máis. Anuláronnos un gol no que non sabemos se eu estaba en fóra de xogo. Ao final metémolos na súa área, e non estaban nada cómodos.

-¿Estaba en fóra de xogo no gol que lle anulan?

-O balón venme de Julio. No momento do pase o seu lateral está metido dentro, eu creo que non estou en fóra de xogo. Pero é unha xogada moi rápida, e eu estou vendo polo balón.

-¿Cre que eses dous puntos que voaron poden acabar pesando ao final da Liga, ou cre que o punto sumado valerá o seu peso en ouro ao termo da xornada 38?

-É un punto importante. Os empates para nós son moi importantes. De feito só levamos catro partidos perdidos. Se imos ao Barco e gañamos, facémolo mellor aínda.

-Cuádruplo empate no cuarto posto da clasificación. O Racing Vilalbés, terceiro, a 3 puntos. Barco-Arousa e Somozas-Alondras esta vindeira fin de semana... ¿Como vai acabar esta Liga?

-¡Buf...! Hai aí cinco equipos para dous postos. Eu espero que o Arousa se meta. Todo o equipo ten moitas ganas de meterse. Para iso traballamos toda a semana. Quedan 15 puntos, e o Arousa vai tentalo ata o final.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Eu creo que non foi fóra de xogo»