Iago Beceiro reaparece no fogar da súa familia, pero segue sen atender as chamadas do Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MONICA IRAGO

A comisión deportiva do club resolveu onte á noite a falta moi grave do dianteiro coruñés, pero tivo que comunicarlla a través do seu pai

18 ene 2018 . Actualizado a las 12:23 h.

A desaparición de Iago Beceiro, do que ninguén soubo nada durante catro días no Arousa nin no seu contorno familiar, vén de acadar tinturas esperpénticas. A boa nova é que o futbolista voltou dar sinais de vida. Na noite do martes presentouse no seu fogar familiar da Coruña. Alí, a través dos seus pais, enterábase da nova o presidente do Verín, José Manuel Zubiela, o mesmo que tres anos atrás acollera na súa casa como a un fillo máis a Beceiro axudándolle a repousar a vida e relanzar a súa tocada carreira deportiva desde a Preferente. Coñecido de Jorge Otero, Zubiela contactou co adestrador do Arousa, quen informou de inmediato o presidente e o voceiro da comisión deportiva do Arousa, Manolo Abalo e Eduardo Carregal, xusto cando saían das oficinas da Lomba despois de agardar sen éxito polo futbolista convocado no club para as oito da tarde do martes. Incapaz tampouco el de falar con Iago Beceiro, o seu representante deixoulles onte aos seus pais o recado de que estaba novamente convocado na Lomba á mesma hora para unha nova xuntanza, na que os reitores do club agardaban coñecer por fin as explicacións dun profesional que tras adestrarse con normalidade o pasado venres, nin acudíu a presenciar xunto co resto dos descartados o partido de Liga do seu equipo o pasado domingo, nin un día despois a dirixir o seu conxunto de fútbol base e a cumprir co adestramento do plantel de Terceira División. Novamente Iago Beceiro optou pola incomparecencia.

Así as cousas, tal e como tiña previsto, a comisión deportiva do Arousa tomaba a primeira hora da noite de onte a súa decisión final sobre o futbolista coruñés. Só que sen poder ter en conta a versión dos feitos dun xogador cuxos excesos nos seus inicios no Deportivo B lle cortaron unha prometedora carreira que apuntaba á Primeira -chegou debutar co primeiro plantel herculino-, e que o foron acompañando nos seus seguintes anos en Ucrania e na Segunda B e na Terceira españolas, ata levalo á Preferente. «Non veu. Pero falei co pai», informaba tras a xuntanza da comisión deportiva Eduardo Carregal. «O tema está decidido». E se, sorprendentemente, tampouco nun caso da dimensión excepcional do que falamos o club quixo saltarse a seu hábito de deixar para mañá -por hoxe-, o anuncio público da súa decisión, si lle trasladou xa o acordo ao proxenitor de Iago Beceiro, para que llo transmitira ao futbolista. Acordo que suporá a rescisión do seu contrato co equipo vilagarcián.

E é que, inda a primeira hora da noite, o voceiro da comisión deportiva do Arousa apuntaba que «a mensaxe que lle mandei o luns a Iago -preguntándolle onde estaba e o porqué da súa ausencia nos adestramentos da base e do primeiro plantel-está sen abrir».

Carregal manifestou o seu alivio e o dos estamentos do club por que Iago Beceiro dese de novo sinais de vida, alomenos ante a súa familia, por canto «estabamos preocupados», di. O voceiro da comisión deportiva arlequinada salienta que «nunca vivira unha situación de club así», e confesa que a mesma está a xerar un notable desgaste no Arousa.