«A categoría é máis profesional pero o fútbol é o mesmo»

X. R. C. VIGO

FUTBOL GALLEGO

LOF

Diego Diz, futuro enxeñeiro e un dos seis superviventes do ascenso, exemplifica a adaptación a Segunda B

21 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Diz (Vigo, 1991) é un dos seis superviventes do equipo do ascenso do Rápido de Bouzas. Tanto este estudante de enxeñería como o club adaptáronse á carreira a unha categoría descoñecida da man dun Borja Jiménez que primeiro fixo funcionar ao Izarra e agora repite éxito en Bouzas. Hoxe (16.30 horas) reciben ao coco da categoría, o Fuenlabrada, coa esperanza de que os madrileños estean dispersos pensando no seu derbi de Copa ante o equipo de Zidane.

-¿Cal é o segredo deste inicio do Rápido?

-Ninguén pensaba que ía estar aí arriba. Temos moi bo grupo, a xente lévase moi ben toda e traballamos para cada partido dun xeito diferente. Preparámolo a conciencia e de momento estamos a facer as cousas ben, pero xa virán momentos peores.

-¿Que é iso de preparar os partidos de xeito diferente?

-Un pouco en función do rival, condicionado polo campo, porque non é o mesmo xogar en Toledo que agora no noso campo.

-¿Que ten Borja Jiménez para brillar primeiro no Izarra e agora no Rápido de Bouzas?

-Coñece moito aos rivais, sabe os seus puntos fortes e os febles e fainos ver e intentamos aproveitar os débiles para facerlles dano por onde coxean.

-¿Ao Fuenlabrada por onde se lle fai dano?

-Hai que apertarlles moito e que non estean cómodos. Hai que ter en conta que eles xogan a Copa do Rei co Madrid a vindeira semana e seguro que non lles apetece moito xogar aquí, é o mellor momento posible para collelos, seguramente.

-¿É o coco da categoría?

-Todo o mundo di que vai a ser o primeiro do grupo. É un partido moi bonito polos nomes que teñen. Tentaremos facerlle fronte.

-En clave persoal, é o seu primeiro ano en Segunda B pero adaptouse de marabilla.

-É a primeira vez e, a verdade, non pensaba que me foran a saír as cousas como me están saíndo nin como lle están saíndo ao equipo.

-¿Cales son as principais diferenzas?

-Por exemplo no xeito de preparar os partidos. Nótase que é mais profesional a categoría pero o fútbol en verdade é o mesmo, en Terceira, Preferente ou Segunda B.

-¿O Rápido é o seu equipo no mundo?

-Comecei no colexio, logo na canteira do Celta e en xuvenís fun para o Rápido de Bouzas, fun un ano de Erasmus no Morrazo e despois dun ano volvín outra vez.

-¿Por que di de Erasmus?

-Só coñecía como eran as cousas en Bouzas e quería coñecer algo diferente e foi unha boa experiencia, pero non hai diñeiro que pague xogar ao lado da casa.

-¿A mágoa é que queden moi poucos do ano pasado?

-É a maior mágoa, porque o ano pasado fixemos un grupo espectacular e coas viaxes do play-off compartimos vivencias espectaculares. Todos quixeramos que fose o mesmo grupo pero a decisión non nos corresponde a nós.

-¿Pódese pensar nunha permanencia máis tranquila?

-Seguirá ata o último día, non pode ser doutro xeito. Xa virán épocas nas que igual non gañamos ningún partido. Non podemos pensar en nada que non sexa a permanencia.