A Bandeira Reganosa poráse en xogo o 27 de xullo

d. a. b. FERROL / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

A proba presentouse onte no concello mugardés.
A proba presentouse onte no concello mugardés. josé pardo

A traíña de Mugardos é cuarta na liga galega, con Ares quinta e A Cabana oitava

18 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O concello e Mugardos acolleu onte a presentación da cuarta edición da Bandeira Reganosa, proba correspondente á Liga Galega de Traíñas. O acto celebrouse en presenza do alcalde, Xosé Fernández Barcia. Tamén acudiron membros do Club do Mar da vila e de Reganosa, empresa patrocinadora do evento deportivo que vén de consolidarse desde a súa posta en marcha.

A proba, que se celebrará o vindeiro 27 de xullo ás 12 horas, reunirá máis dun centenar de deportistas de oito clubs de ámbito galego, con ampla representación de Ferrolterra. Como novidade, o cartel deste ano é un deseño obra do mugardés César Pena. O Club do Mar de Mugardos aspira a quedar entre os tres primeiros clasificados para conseguir o ascenso á máxima categoría de traíñas.

Carlos Vales, director de operación de Reganosa, desexou que a Bandeira «quede na casa» e explicou que este patrocinio «reforza o compromiso da compañía polo deporte, xa que tamén ven de patrocinar o Racing de Ferrol e o Club do Mar de Mugardos, ademais de apoiar actividades relacionadas co mar e o entorno social inmediato onde opera a compañía».

Clasificación

Despois das catro primeiras probas da Liga Galega do 2014, Mugardos é cuarto, Ares quinto e A Cabana-Ferrol oitavo.