Memoria de Xosé Neira Vilas, o fillo máis querido e universal de Gres

FUGAS

Pinto e Chinto

Esta semana terías cumprido os 98 anos. Imaxínote entre libros, tecleando na Olivetti e recibindo amizades. Hai un país que volve ás túas páxinas e que prepara un ano enteiro de lecturas arredor do Día das Letras Galegas

05 nov 2026 . Actualizado a las 20:08 h.

Na mañanciña do 3 de novembro de 1928 Manuela Vilas sostiña en brazos o primeiro dos sete fillos que tería. Puxéronlle o nome do pai, aínda que todos o chamarían Pepe, Pepiño de Gres. Na casa tamén vivían os avós maternos e, como non había fartura, a vida discorría entre os labores do campo durante o día e as partidas de cartas ou os seráns na tarde baixa. O seu avó era zoqueiro e afeccionado á música; a súa avoa tamén lle daba un xeito á pandeireta, ademais de posuír unha cultura popular infinda. Aquela foi a súa primeira escola, porque da outra pouco aprendería, máis alá dunha disciplina severa na que a vara era un instrumento de castigo. 

A carestía da época obrigouno a traballar dende a infancia. Axudaba o pai no campo, na carpintería e, máis adiante, no oficio de carteiro. As familias ás que entregaba as misivas reloucaban de felicidade e, ás veces, el mesmo facía de intermediario na lectura, pois moitas das destinatarias eran analfabetas. Moitos anos despois, aquel recordo tamén atoparía un lugar na súa literatura, no relato De cando o Suso foi carteiro. Naqueles anos tamén participaba nun grupo de teatro que representaba obras en galego, con textos de autores como Vilar Ponte e Lugrís, ao tempo que comezaba a escribir as súas propias pezas.

Con todo, buscaba algo máis; por iso embarcou cara á Arxentina un 22 de xaneiro de 1949, con vinte anos e unha maleta de cartón chea de ilusión, pero tamén cargada de tristeza. Buenos Aires converteuse nun espazo de traballo, aprendizaxe e encontro. Pasou por distintos empregos, entre eles unha tenda de tecidos, unha panadaría e unha empresa vinculada á madeira, un oficio que lle resultaba familiar, pois traballara levando a contabilidade do serradoiro da aldea. 

Case un ano despois da súa chegada, unha multitude paralizou o centro da cidade. Morrera un galego e miles de persoas saían á rúa para despedilo. Pepe apenas coñecía a figura de Castelao, pero aquela manifestación de dor e admiración espertou nel curiosidade. Axiña se achegou á súa obra e ao pensamento dunha xeración fundamental para a cultura galega. Esa descuberta foi tamén a do seu propio país. 

A súa integración na colectividade galega foi medrando. Participou nas actividades do Centro Galego e da asociación de emigrantes do seu concello, incorporouse á Irmandade Galega e colaborou na creación das Mocidades Galeguistas. Naquel ambiente coñeceu a Anisia Miranda, cubana de nacemento e de familia con raíces galegas. A relación entre ambos medrou arredor das lecturas, da formación e do compromiso coa cultura. En 1957, o mesmo ano en que casaron, puxeron en marcha Follas Novas, unha distribuidora dedicada á promoción do libro galego entre a colectividade emigrante. Mentres participaban activamente na vida cultural porteña, Pepe comezaba a publicar en revistas. En 1960 apareceu Dende lonxe, o seu primeiro poemario, cunha cuberta de Luís Seoane e un prólogo de Rafael Dieste.

Entrementres, Pepe ía enchendo cadernos de palabras. Gardaba expresións e nomes que escoitaba para arrequecer a súa fala. Tamén comezou a escribir Memorias dun neno labrego, unha obra que retrataba a dureza da vida no rural galego dos anos corenta. Máis alá do retrato dunha época, daba voz a un neno que quería comprender o mundo e que non sempre atopaba quen o escoitase. O seu amigo Francisco Fernández del Riego contribuíu á súa difusión en Galicia, aínda que esta foi limitada polos poucos exemplares que lle chegaran de Arxentina. A situación cambiaría en 1968, cando Isaac Díaz Pardo publicou a novela en Ediciós do Castro e a obra comezou a acadar unha repercusión extraordinaria.

En 1961 acordaran trasladarse a Cuba despois do triunfo da Revolución. O seu Buenos Aires querido quedaba atrás ao son do acordeón que aprendera a tocar e dos tangos desgarrados que marcaban a despedida. 

Cuba era outro territorio, cunha realidade social e política moi diferente. Neira Vilas incorporouse á Administración cubana e desempeñou distintas responsabilidades no Ministerio de Industrias, nunha etapa na que Ernesto Guevara estaba á fronte do departamento. Ao mesmo tempo, el e Anisia participaron voluntariamente nas campañas de alfabetización e nos traballos agrícolas, entre eles a corta de cana e a plantación de café, nun país sometido ás dificultades económicas derivadas do bloqueo estadounidense. Pero o seu compromiso non quedou reducido á actividade profesional. En 1969 promoveu a creación da Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias de Cuba, e coa súa investigación reconstruíu o relato dunha colectividade que tamén formaba parte da historia da illa, a galega.

Neses anos a infancia continuou a ser unha das súas grandes preocupacións e así, en 1980, naceu Zunzún, unha revista infantil na que traballaron Pepe e Anisia e que acabaría por se converter nunha publicación de referencia. Para entón, Neira Vilas xa escribira obras como Espantallo amigo, O cabaliño de buxo ou Cartas a Lelo, construíndo un universo no que a infancia non aparecía idealizada, senón tratada con respecto e comprensión. 

Gres seguía a ser o seu norte. A primeira volta produciuse en 1972. Despois de tantos anos as cerdeiras medraran, tamén as silveiras; os lugares mudaran e o tempo deixara a súa pegada. Aínda tardarían vinte anos en instalarse definitivamente en Galicia. Era 1992: pasaran corenta e tres anos desde a súa marcha. Alí, xunto a Anisia, deron forma a un proxecto que levaban tempo desexando: a Fundación Xosé Neira Vilas. Aquel neno que tanto botara en falta os libros contribuíu así a crear unha biblioteca rural e Anisia implicouse desde o primeiro momento na vida da Fundación.

Cuba, porén, seguía presente, e regresaban á illa con frecuencia, ata a morte de Anisia. Desde entón, Pepe tivo que aprender a «vogar cun só remo», unha expresión coa que deu conta da soidade que lle deixara a súa compañeira. O refuxio foron os libros, a escrita e as amizades, as vellas e as novas. Foron moitos os que nos achegamos a Gres ou falamos con el por teléfono na procura dun dato, dunha lembranza, dun relato en primeira persoa. Celebraba cada visita e nunca parecía ter présa. Nunha das últimas ocasións achegueime alí co amigo Denis Vicente. Eramos dous investigadores novos, con moitas preguntas e ganas de saber. El ofrecía o seu testemuño coa xenerosidade de quen entende que a propia vida tamén forma parte dunha historia colectiva. En xaneiro, Xerais publicará Pepiño de Gres. A historia da vida de Xosé Neira Vilas, o volume divulgativo que preparou o profesor Vicente e que, dalgunha maneira, nace tamén como expresión do agradecemento dunha xeración que medrou coa súa obra e que quixo achegarse á persoa que había detrás dos libros.

Hoxe cumprirías 98 anos. Imaxínote entre libros, tecleando na inseparable Olivetti e recibindo amizades. Imaxínote cos teus amigos Xesús Alonso Montero, Isaac Díaz Pardo, Del Riego ou Antía Cal, pero tamén con todos os que fomos chegando despois, coa curiosidade e o desexo de escoitarte. Hoxe hai un país que celebra contigo, que volve ás túas páxinas e que prepara un ano de lecturas arredor do Día das Letras Galegas. Porque a túa obra segue a falarnos: nas Historias de emigrantes, nos Relatos mariñeiros, en Querido Tomás, en Nai... Sempre Dende lonxe e Dende Gres, sempre dende Galicia.