O resplandor da nobreza

FUGAS

«Esta semana vin chorar a meu pai por primeira vez». Resulta que a vida nos sorprende un día calquera debuxando círculos, propoñendo rimas, invertendo papeis. Sobre esa premisa está construída O lado nobre (Xerais), novela da xornalista Irene Lourido na que me instalei un par de horas mentres viaxaba nun autobús aínda con noite pecha, agardando a chegada das primeiras luces da xornada. Trátase dunha crónica íntima, a modo de autoficción, na que unha filla nos describe o seu duro proceso emocional cando se ve obrigada a encarar a doenza do pai, ingresado nun hospital durante varios meses. Conmoveume pola humanidade coa que en apenas cento sesenta páxinas se refiren incertezas, desacougos, lembranzas, pánicos, todo ese material explosivo que nos asalta nun transo desas características. Reinaba dentro do vehículo un silencio somnolento, atravesado por respiracións profundas, propicio para peregrinacións interiores. E nese recollemento auroral avancei polos camiños dunha historia chea de fermosas instantáneas que a escritora abordou entre a desolación, o humor e a tenrura, sen medo a espirse ante o lector. Ensináronos os mestres do oficio que a literatura cobra sentidos extraordinarios porque lle outorga á vida unha trama e unha lóxica da que carece. Nas conmovedoras páxinas de O lado nobre, ese argumento concedido pola ficción adquire forma de rotonda, como así se expón no treito final do texto: a cativa á que coidaron acaba sendo a muller madura que se ocupa dun pequeno e do pai que antes fixo o mesmo con ela, consciente do inapelable xogo de ida e volta ao que debe enfrontarse. Pechei o libro cando comezaba a raiar o sol pola fiestra do autobús, prometendo unha mañá clara, e inclinei o asento para descansar con esa imaxe metida na cabeza: a luminosa escena dos coidados que se repite a diario en milleiros de fogares, os reintegros de portas a dentro, as perplexidades que acompañan a inversión de papeis entre proxenitores e fillos co paso dos anos. Poucas tramas da vida son capaces de superar en potencia narrativa ese tornado emocional. Seica o lado nobre do corazón é o esquerdo, a cavidade máis grande e forte, responsable de bombear sangue rico en osíxeno a todo o organismo. A insuficiencia cardíaca do enfermo afectáballe o lado dereito. «De nobreza, eu xa o sabía, estaba sobrado», confésanos a filla ao inicio. Mergulleime no sono coa calidez dese eco nos oídos.