A obra de Begoña Caamaño, «Circe ou o pracer do azul», dá unha perspectiva feminista dun xeito atractivo para os máis novos
30 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Eu creo nos mitos (…) Non hai nada que teña maior realidade que os mitos» (Begoña Caamaño). Os mitos clásicos conservan tal valor simbólico que sen eles non sería posible entender o pensar, o sentir, a ética, a estética da nosa civilización occidental —Europa— que nace na cerna mesma da Grecia clásica. Europa: así se chamaba a princesa fenicia que raptou Zeus, mudado en touro branco para namorala. Un tal Homero —século VIII a. de C.— escribe a Odisea en grego antigo, composta por 24 cantos e 12.000 versos que, daquela, recitaban de memoria os aedos, ata que a aparición do alfabeto motivou que a Ilíada e a Odisea fosen das primeiras obras transcritas.
A raizame do seu argumento é contar a historia de Ulises, o heroe que estivo alonxado do seu reino, Ítaca, vinte anos: dez que durou a guerra de Troia, e outros dez que andou errante fuxindo dos atrancos que lle apoñía o deus Poseidón. Ulises é o heroe máis famoso da mitoloxía grega, pero tamén, un «home» atractivo que se deixa enfeitizar por ninfas como Calipso, princesas como Nausica, feiticeiras como Circe, raíñas como Penélope.
Asombra que a lectura deste mítico poema, que agroma na noite dos tempos, sega hoxe estimulando e conmovendo ás interminables ringleiras de xoves que esperan, pacientes, para ver a película Odisea de Christopher Nolan. Se cadra, a explicación está no que afirma Fernando Sabater: «Na Odisea está todo… Todo o bo e o malo que ten cabida no corazón humano». Porén, cómpre achegarmos ao relato homérico co respecto que merece: manter intactas a esencia e a estrutura do mito clásico e, asemade, facelo atractivo aos lectores de hoxe.
Circe ou o pracer do azul, a novela de Begoña Caamaño, primeira edición, ano 2009, lina nunha asentada, e axiña cavilei que ía ser determinante para que os meus alumnos vencesen os desafíos da Odisea clásica. Trátase dunha novela potente, rompedora que non se priva de transgredir o mito para miralo con outros ollos. Cos ollos e a mirada feminista das mulleres na Odisea, sempre esquecidas, aldraxadas, silenciadas polos propios fillos como Telémaco, a quen a historiadora Mary Beard chama «fillo maleducado», por mandar calar a súa nai Penélope. Feito que tamen escandaliza a Méntor, o mestre de Telémaco. Lembremos: a nosa palabra mentor ('guía, asesor') deriva —por herdanza clásica— deste Méntor, mestre na Odisea.
O Día das Letras Galegas do 2026, dedicado a Begoña Caamaño, obrigou a render homenaxe tanto a ela como a súa obra. Fíxoo cumpridamente La Voz cunha escolma, fermosa e atinada, que abrangue os méritos e virtuosismo que Begoña acada nos seus libros, e mesmo na súa fecunda vida, por máis que esta fose tristemente curta. Decido non engadir nada porque no atopo nada que engadir. Só plaxiar a María Cedrón e chamarlle a Begoña «tecedora da nova mitoloxía», porque así é tamén como eu a vexo.
Nos meus longos anos de docencia houbo éxitos e fracasos. Un vergoñoso fracaso foron os milleiros de resumos que fixen —sempre inútiles— para que os meus alumnos lesen a Odisea homérica, ata atopar a solución nesta novela, por riba, mesmo, das miñas espectativas. Lérona decontado. E un día si e outro tamén, querían saber máis verbo de Ítaca, de Ulises, de Penélope, de Telémaco, de Circe, de Polifemo... Coma se non mediasen trinta séculos entre eles.
Non hai nada milagreiro nisto. Só que é unha novela que engancha. Está tan ben contada que Begoña Caamaño se converte nunha consumada «tecedora de mitos». Un Homero redivivo que é quen de escribir unha Odisea moderna que, con degoiro, leron (agora si) os meus alumnos de Bacharelato.
.
Mercedes Boado é catedrática de latín