No 2026 cúmprese un século da Biblioteca América, o soño de Gumersindo Busto, que emigrou a Uruguai con 15 anos
23 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«No solo de pan vive el hombre. Yo, si tuviera hambre y estuviera desvalido en la calle no pediría un pan; sino que pediría medio pan y un libro». Era setembro de 1931 e Federico García Lorca inauguraba a biblioteca pública de Fuente Vaqueros, a primeira da provincia de Granada. Quizais esta sexa unha das súas frases máis memorables, pero todo o seu discurso posúe unha beleza extraordinaria, porque non só reivindica a importancia da lectura e o seu poder transformador, senón que tamén repara nunha realidade daquela época: a carestía impedía que quen carecía de recursos puidese gozar dese pracer. Por iso, o poeta gustaba de regalar libros, de compartilos, coma se cada volume fose unha pequena promesa de felicidade. Aquela inauguración non era só un acto cultural; era tamén unha forma de xustiza social.
En Fahrenheit 451, Ray Bradbury imaxinou unha sociedade na que os bombeiros, en lugar de apagar incendios, queimaban libros. A imaxe é aterradora e atopámola tamén na novela de Manuel Rivas Os libros arden mal, coa fogueira de volumes espoliados de distintas bibliotecas da Coruña. Nas súas páxinas aparecen Lorca, Casal, Casares Quiroga e outros personaxes que padeceron aquel momento histórico. Os libros posúen un poder que incomoda as ditaduras, porque poden transformar vidas. Bradbury, que non puido cursar estudos universitarios, atopou nas bibliotecas un espazo de formación. Durante unha década acudiu a ela tres veces á semana para ler e ampliar os seus coñecementos. Tanto foi así que escribiu Fahrenheit 451 no soto da biblioteca Powell da Universidade de California, nunha máquina de escribir alugada por vinte centavos a hora. Gastou 9,80 dólares; todo o que a biblioteca lle ofreceu, porén, foi gratuíto.
Para Isaac Asimov, un dos grandes divulgadores científicos do século XX, a biblioteca é como unha nave espacial capaz de transportarnos ata os confíns do universo. Jorge Luis Borges, pola súa banda, imaxinaba o paraíso coma unha biblioteca. Así se debeu de sentir cando dirixiu a Biblioteca Nacional da Arxentina ou cando escribiu o relato «A biblioteca de Babel».
Houbo un tempo en que non permaneceron entre catro paredes, que saíron aos camiños, ao encontro cos lectores e coas lectoras. Durante a Segunda República española, as Misións Pedagóxicas levaron libros, teatro, música, reproducións artísticas e outras manifestacións culturais ás aldeas afastadas das grandes cidades. O propósito era claro: que a cultura deixase de ser un privilexio e chegase tamén a aquelas persoas que durante xeracións tiveran menos oportunidades de acceder a ela.
O reto de facer comunidade
En Galicia, Rafael Dieste participou no impulso destas iniciativas, convencido de que a cultura debía chegar alí onde a súa ausencia se facía máis evidente. A tarefa non se limitaba a depositar uns cantos libros nunha escola ou nunha casa particular. Tratábase de crear comunidades lectoras, porque unha biblioteca rural podía ser pequena, pero o mundo que abría diante de quen a visitaba era inmenso.
Neste labor tamén cómpre lembrar mulleres como María de los Ángeles Tobío Fernández, bibliotecaria comprometida que sufriu o exilio e a represión franquista. Mulleres que organizaron coleccións, catalogaron fondos, distribuíron libros, promoveron a lectura e defenderon o acceso ao coñecemento nunha sociedade que non sempre lles recoñeceu a súa capacidade nin a súa contribución. Tamén Gloria Fuertes, que traballou como bibliotecaria, dedicou parte dos seus esforzos a achegar a literatura á infancia.
Volvamos por un momento a Fuente Vaqueros. A biblioteca pública que Lorca inaugurou en 1931 desapareceu coa Guerra Civil. O municipio non volveu contar cunha biblioteca pública ata 1988 e, desde o 2008, esta leva o nome do poeta. Lorca tiña razón: non só de pan vive o ser humano. Pero talvez a grandeza da súa mensaxe estea en que non nos obriga a escoller entre o pan e o libro, pois necesitamos de ambos.
Quizais o paraíso que imaxinaba Borges non sexa un lugar afastado, senón unha sala luminosa chea de andeis; unha mesa onde alguén estuda; unha nena que pasa as páxinas do seu primeiro conto; un contacontos nunha sala infantil; un recanto de novidades; unha bibliotecaria que recomenda unha lectura; unha persoa maior que volve descubrir o pracer de ler. Quizais sexa, simplemente, unha porta que permanece aberta para todas e todos.
Biblioteca América: cen anos dun soño
Natural de San Martiño de Laraño, Gumersindo Busto Villanueva emigrou a Uruguai con 15 anos, aínda que consolidou a súa carreira profesional en Arxentina. A pesar da distancia, mantivo o vínculo coa súa terra natal e desenvolveu unha iniciativa ambiciosa: crear unha Universidade Libre Hispanoamericana en Santiago de Compostela e aínda que non chegou a materializarse, deu lugar a un proxecto de enorme valor: a Biblioteca América.
No porto de Vigo recalaron 11.400 monografías, ademais de prensa, revistas, folletos, teses, coleccións de moedas e billetes, exemplares de fauna americana, obxectos etnográficos, láminas, retratos, fotografías, bandeiras, bustos e mapas, entre outros materiais.
A Biblioteca América foi inaugurada o 26 de xullo de 1926, converténdose nun espazo de intercambio cultural que materializaba, en parte, o soño que Busto levaba anos perseguindo.