Fuego Lolita está en todas as quinielas como grupo revelación do 2027: «Fracasados xa estamos, dános moita máis vertixe ter éxito»
FUGAS
Os cinco compoñentes da banda compostelá presentan «Plaza Pijo», o seu primeiro disco
05 nov 2026 . Actualizado a las 22:05 h.Guitarras poderosas, ironía —por veces non exenta de crítica—, unha enxebre dose de costumismo, unha inxente achega de frescura e unha desenvoltura impropia para a súa traxectoria, son elementos que poderían sentar o punto de partida para unha definición de Fuego Lolita. E xa é moito para unha banda que publicou o seu primeiro tema en abril deste ano. Antes, no 2025, xa chamaran a atención ao gañar o certame Novos Valores, do Festigal. Pero foi hai un par de semanas cando revalidaron definitivamente as súas credenciais co seu primeiro disco, Plaza Pijo, un refacho de aire ben fresco que provocou un arrepío na escena musical galega. «Estas son as primeiras cancións que compuxemos, así que estamos bastante sorprendidos e supercontentos pola acollida que está tendo o disco. Non a agardabamos», comenta Lara, vocalista desta banda formada por catro físicos e un biólogo.
—Que pasaría si Fuego Lolita «lo peta»? Sacrificarían as súas traxectorias profesionais para apostar pola música?
—Adrián. Eu si.
—Lara. A día de hoxe, véxoo como algo completamente inalcanzable, pero se me vise no momento, non creo que dixera que non.
—Adrián. Ademais, no caso meu e no de Lara, o da oposición sempre se pode deixar para outra ocasión se chegase o momento no que nos puidésemos dedicar á música.
—Que lles dá máis vertixe, fracasar ou ter éxito?
—Adrián. Ter éxito. Fracasados xa estamos [rin]. Sería como lamber un pouco da mel e volver ao de antes. Pero ter éxito...
—Lara. É chungo e conleva moitas responsabilidades.
—Naceron e creceron na independencia pero se unha discográfica ou unha axencia grande peta na súa porta, que pasaría?
—Adrián. Depende das condicións e do historial da discográfica ou da axencia.
—Lara. Eu daríalle moita importancia aos valores da axencia. Incluso máis que ás condicións económicas. Porque estar aí arriba é difícil e conleva moita responsabilidade, e se non tes detrás un equipo que conecte coa túa ética, a cousa vai ir mal, fixo.
—Aínda que a escena galega estea agora orientada cara ao urbano e a folktrónica, senten que forman parte dela?
—Lara. Cen por cen. A escena está orientada cara a esas dúas tendencias porque moita xente se subiu á onda. O cal é superválido e superentendible. Pero eu claro que me sinto parte desa escena. Ao final, o que temos todos en común é que utilizamos a lingua galega, que é o máis importante e o que temos que facer.
—Viñan de escoitar bandas de rock?
—Adrián. Na miña época adolescente sempre estiveron aí presentes Green Day, Blink-182 ou Sum 41, que son bandas que teñen moitísimas guitarras.
—Lara. Eu escoito absolutamente de todo. Igual escoito 20 veces La graciosa, de Quevedo, e dentro dun rato estou escoitando El vuelo del moscardón a piano.
—«Indie de mierda», titulan unha canción. Que lles pasa co «indie»?
—Adrián. Indie de mierda é unha canción que fixemos máis por meterse comigo, que son o único que escoita indie no grupo, que por meterse co indie como tal. O que pasa é que, ao final, metemos na letra referencias que se rin un pouco de certas características deses grupos. Pero se non fose polos indies, grupos coma nós non teríamos actualmente ningunha oportunidade de tocar en ningún festival.
—Lara. A ver, a canción ten un certo transfondo relacionado con que o termo indie vén de independente, e no momento no que estes grupos están en grandes escenarios e detrás de grandes selos, como que se perde ese sentido. Pero sempre desde a sátira e, si, para rirnos un pouco de Adri.
—De feito, o sentido de humor sobrevoa todas as súas cancións.
—Adrián. Neste primeiro epé si que practicamente todas as cancións teñen un ton humorístico, pero agora estamos intentando abrirnos un pouco a cuestións que xa non son tan de risa. De feito, nalgunha das novas tocamos algún tema bastante fodido.
—«Plaza Pijo» xa ten un punto de humor pero aborda un tema tan serio para a mocidade como o do acceso á vivenda.
—Adrián. Pois si, Plaza Pijo escribímola hai un ano, e mira ti, ese tema está agora mesmo máis candente que nunca.
—Que outros temas «candentes» abordarán en futuras cancións?
—Adrián. Seguiremos queixándonos de cousas que non nos agradan.
—Lara. Como por exemplo, a universidade. Véase Adri e máis eu, que non sabemos o que estamos facendo coa nosa vida [rin].
—E con quen non se meterían nunca?
—Adrián. Cos xornalistas, para que nos sigan chamando para entrevistas [rin].
—Do que están descubrindo da industria musical, que lles gusta e que non?
Adrián. A min gústame que chegues a un festival, te coñezan e te traten moi ben. E non me gusta o papeleo.
Lara. A min, o que non me gusta é o clasismo que se ve. Porque se te coñecen, trátante ben, pero se non te coñecen, eres lo último. E gústame tamén chegar a festivais e relacionarme co resto de artistas. Gústame contrastar a percepción que ti tes dende fóra dun artista, e a que tes dende dentro. O coñecelos fóra do personaxe, por así dicilo.
—Un soño cumprido neste ano?
Lara. Plaza Pijo saíu en abril. Pois eu acórdome a principios de maio que Adri dicía: «O meu maior soño agora mesmo é entrar nun garito e que estea soando unha canción nosa». Pois conseguímolo á semana.
Adrián: Entón, eu o seguinte soño que teño é tocar no Emigrasón. A ver se tamén manifestándoo, dentro dun mes nos chaman (rin).
—Unha banda galega imprescindible?
Lara. Eu escoito moitísimo a The Rapants.
Adrián. Eu cando cheguei a Santiago hai sete anos, o primeiro que escoitei de música en galego, foi a Ortiga. E dende aí, a tope con el sempre.
Lara. E Xalundes. Son uns cracks. En canto empecen a sacar máis música...
Adrián. Eses si que o van petar moitísimo.
—E unha «colabo», con quen?
Adrián. Se por min fóra, con Alcalá Norte.
Lara. Con Mala Gestión.
—Que plans teñen para o 2027?
Adrián. Se todo vai ben, no 2027 sacaremos un disco e faremos unha xira dese álbum. Agora mesmo estamos en proceso de composición e de gravación dalgunhas cousas, pero agardamos chegar a tempo para cumprilo.